Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Andalucía, Valencia, Murcia e Canarias son os territorios españois nos que, segundo distintos informes, máis maltrato sofre o litoral, vítima na maioría dos casos dese cancro que recibe o nome de corrupción urbanística e que tamén admite as denominacións privatización do litoral ou xa directamente, fuxíndomos de calquera caste de eufemismos, destrución da costa. Galicia, como se sabe, está, xunto con Cataluña e as Baleares, no segundo posto entre os territorios do Estado español que máis maltratan o seu litoral, e no que atinxe á recalificación de terreos costeiros para a construción de vivendas o noso país comezaba a presentar claros síntomas de marbellización. Por iso o Goberno anterior puxo en marcha medidas urxentes para protexer o litoral galego, prohibindo de xeito cautelar a edificación nos primeiros 500 metros da costa, unha primeira acción necesaria antes da entrada en vigor dun tamén necesario e urxente Plan Integral do Litoral. A norma dos 500 metros aprobada polo Goberno bipartito expira, como se sabe, o próximo 17 de maio, e xa arredor deste tema teñen aflorado posicións políticas tendentes a eliminar esa protección fundamental. O Partido Popular e a nova Xunta, todo apunta a iso, consensuarán coa Confederación de Empresarios de Galicia onde se poderá construír e onde non, converténdose así os empresarios en perfectos conselleiros protectores do noso litoral, coñecida como é, quen o dubida, a súa sensibilidade ambiental, ecoloxista e até diriamos estética, como está máis que demostrado. Os empresarios da construción e os promotores inmobiliarios teñen unha fe infinita nas posibilidades da nosa costa e apoian con entusiasmo a derrogación da norma dos 500 metros, porque existen zonas -como ben lles indica o seu olfacto ecoloxista- non saturadas urbanisticamente, e hai que edificar, encher de tixolos e cemento esa pobre paisaxe de terra libre e mar limpo. Veña, 100.000 novas vivendas xa. E logo 200.000 máis. Fóra as imposicións. Humanización do litoral. Viva a liberdade.
