Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

CADERNO ABERTO

Miguel Anxo Fernán Vello

Día das Letras Galegas

16.05.2007 
A- A+

Un ano máis celebramos o Día das Letras Galegas, e van aló, a día de hoxe, 44 anos de festa literaria, todos os 17 de maio, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos (1863) de Rosalía de Castro. No ano 1991 a Xunta de Galicia decidiu que o Día das Letras Galegas fose día festivo. E van alá 16 anos de festa muda, ausente, ociosa, praieira se o tempo o permite; festa, en definitiva, oficial, con todo o baleiro e todo o sepulcral que isto leva aparellado. Día das Letras Galegas triunfais, altísima celebración institucional, coas escolas pechadas, cos institutos pechados, coas universidades pechadas. Día das Letras Galegas con pompa académica de discursos requintados, cerimonia  antiga e procesión de poses, e as librarías pechadas e o idioma brillando só na epiderme apenas dunhas horas. Día das Letras Galegas internacional, día mundial do infinitivo conxugado que xa non se usa, día do patético ‘Escritor Galego Universal’ dedicado a Konstantinos Petrou Kavafis. Van alá, si, 16 anos de Día Santo, de Día Puro, Día da Memoria, Día Festivo da Autoestrada cara ao Mar. Un sae á rúa cedo o 17 de maio festivo, e ben festivo, e nota un silencio que contén todos os silencios. Velaí o “silencio mudo” rosaliano en estado puro. Día para as familias iren, todos ben xuntiños, aos restaurantes coas cartas todas en castelán único e apropiado. Día de retiro e meditación, día ‘bonsai’, día ‘haiku’, día ‘zen’, día ‘tao’, día da festa máis íntima até estoupar unha bomba de ledicia no corazón. As Letras Galegas, madia leva, pensou en certa altura Fraga, secundado por Pérez Varela, ou viceversa, merecen un día festivo, un día de festa, un día grande, altísima celebración litúrxica, grandísimo evento oficialísimo. Os cataláns, que torpes, que desaxeitados, que ignorantes, que faltos de estratexia, co seu Sant Jordi a peito descuberto, con tanto libro e tanta rosa atravesando as horas, cruzando cada minuto, laboralmente, lectivamente. Nós si que sabemos. As nosas son Letras Santas. E punto.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS