Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02
Rajoy e o seu PP regresaron do descanso de Semana Santa con forza e iniciativa. Non baixaron a tensión coa que se foron. E sen máis espera, Rajoy e Soraya SS propoñen, fronte "á nada" que observa no PSOE e fronte "á páxina en branco" e sen ningunha traxectoria económica que lle parece Elena Salgado, propoñen doce grandes reformas, todo un programa económico alternativo. Poderíaselle reprochar ó PP que tardou nesa elaboración, pero os propios dirixentes destacan que non se trata de grandes novidades: O plan anticrise do PP recompila o que vén dicindo, aínda que en balde, no último medio ano. E insiste en que se trata de doce reformas contra a acusación socialista de que o PP non arrima o ombreiro para saír da lameira da crise... Un plan global contra o paro, segundo definiuno Soraya Sáenz de Santamaría, que insiste en que é un plan para pemes e autónomos, con medidas expostas para manter o emprego e activalo nas instancias nas que máis se crea.
¿Por onde pasa o Plan? Sintetízano distintos medios en doce epígrafes, pero ateigados de propósitos: reordenación do gasto público, mantemento das políticas sociais, eliminación do gasto superfluo, plan de austeridade das administracións públicas, redución de ministerios e de cargos públicos, reestruturación do sistema financeiro, fixación dun sistema financeiro saneado que favoreza o crédito e a liquidez, mellora dos mecanismos de supervisión, control e intervención, mellora da regulación dos produtos financeiros, profunda reforma do IRPF, incremento do tipo de dedución pola adquisición de vivenda ata o 25 por 100; substitución da dedución dos 400 euros por unha redución da parte correspondente ó traballador das cotizacións sociais, dedución do dez por cento dos rendementos do traballo destinados ó aforro, axudas ó pago de facturas das administracións públicas a través dunha liña ICO, que non paguen o IVE facturas non cobradas, redución ó 20 por 100 do imposto sobre sociedades, ampliar a condición de peme de 8 a 12 millóns de facturación, bonificar do 100 por 100 do imposto de matriculación... E só imos polo terceiro dos doce puntos do Plan de Doce Reformas. Ou sexa, trátase de doce enormes reformas cun centenar, aproximado, de reformas puntuais.
¿Doce reformas, di vostede? É un plan de Goberno, suponse que para as eleccións de 2012...
