Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

![]() |
Por unha información que me envía unha amiga acerca doutras cousas próximas, leo nun artigo de La Vanguardia de 17/02/2002, que o "franquismo utilizou de xeito masivo e organizado, entre os anos 1937-1970 presos políticos como forza laboral barata, dócil e segura, recluída en campos de concentración que empregou en diversas tarefas, especialmente de obras públicas, pero que en numerosas ocasións arrendou a empresas privadas, a maioría adxudicatarias e concesionarias do Estado". Xa sabiamos algo disto, por exemplo, respecto da construción do Valle de los Caídos, pero agora véñenme á memoria imaxes da miña "reclusión" durante a prestación do servizo militar, primeiro no BIR (Batallón de Instrucción de Reclutas) de Cabeza Praia no Aaium e despois no cuartel de sanidade da mesma cidade, que encaixan perfectamente con esa práctica fascista de utilizar man de obra gratuíta e obrigada para realizar obras (seica públicas) a prol do réxime e, no meu caso concreto, do exército, o glorioso exército que abandonou covardemente o territorio do Sahara despois de expoliar os fosfatos de Fox-Bucraa, una das maiores minas a ceo aberto do mundo, deixando inerme unha poboación civil con DNI español aos caprichos do sátrapa de Marrocos.
Foi nos anos 1972 e 1973. Alí me enviaron, despois de me suspender nas probas para as milicias universitarias por non ter "espírito militar". Moito agradecín este recoñecemento, pois, efectivamente, nunca tiven ese espírito (e a moita honra), pero a puñeta que me fixeron mandándome a África recén acabada a licenciatura en Filosofía e Letras, a pasar trece meses no deserto, non sei ben para que, foi grande. Mellor dito, agora sei para que: para servir de man de obra gratuíta, pois obrigábannos a carrexar pedras durante non sei cantos días para enlousar un patio de armas que tiña que lucir o mellor posíbel o día da "Jura de la bandera". A humillación que un sentía ao se ver así degradado pode imaxinala o meu improbábel lector. Humillado, non polo traballo en si, que ese tipo de esforzos o fan honradamente moitos homes e mulleres do mundo todos os días, pero si por facelo obrigado e sen remuneración a prol dunha institución na que un non pedira ingresar. Se este cronista non tiña espírito militar, por que o madaron facer o servizo militar? Non sería para ver se se lle pegaba algo en contacto cos militares profesionais, que, naquela altura, preocupábanse máis do escalafón e da cantina que de formar soldados.
A primeira humillación chegaba co rapado de pelo que uns veteranos (a punto de se licenciar) nos facían aos reclutas novatos nada máis entrar no cuartel. Recordo a impresión que me deu a miña propia imaxe reflectida nun cacho de espello que tiven a sorte de encontrar por alí algúns días despois. O "corte" de pelo fora brutal e a pinta que nos deixaban semellaba en todo ás que os nazis producían nos xudeus dos campos de exterminio.
A min paréceme moi ben que actualmente o exército sexa profesional. Polo menos as improbábeis humillacións van incluídas na nómina.
