Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

A política contemporánea confórmase de xeito principal como un exercicio mediático. As últimas eleccións autonómicas galegas confírmano a través do estudo realizado polo CIS. Comprobouse a influencia na opinión pública de determinado medio de comunicación durante a campaña electoral e a propagación que nela se fixo da demagoxia barata do Audi de Touriño e doutras chorradas. Tamén habería que contar o da presunta imposición dos mandilóns das galescolas e do decreto do galego. En tempos nos que unha chea de persoas sofren as consecuencias da crise, os estrategas electorais da rúa Xénova pensaron que había que atacar o bipartito acusándoo de dilapidación e ostentación. Por suposto que tamén había que suxerir un ataque ás liberdades, tendo en conta a sensibilidade que iso esperta na cidadanía actual.
Esta campaña agresiva e desinformativa comezou de xeito progresivo anos antes das eleccións autonómicas. E desde aquela Xunta ninguén se defendeu como cumpría, nin sequera cando durante a campaña se adiviñaban dificultades para a reedición do bipartito. Os cargos daquela Xunta, instalados nun autismo, víanse de maneira inxenua como gañadores e por riba do ben e do mal, renunciando a baixar as veces que fosen necesarias á cancha do Parlamento e dos medios para defender a súa xestión e dar réplica ás acusacións. O mesmo PP galego, sen un programa serio para a crise, se sorprendeu co seu éxito electoral. Esta estratexia de confusión, que lle deu tan bos resultados, séguena praticando, e abofé que seguirán para conservaren o poder alcanzado e ocultaren a súa carencia de solucións.
Cando a maioría social non é ultraconservadora, o PP sabe que só é capaz de gañar calquera proceso electoral se consegue a desmobilización e o abstencionismo de boa parte dos cidadáns que votarían outras opcións políticas, mesmo con infundios. Esta estratexia aplicada polas organizacións políticas máis progresistas nunca tería idénticos resultados, pois o electorado conservador sempre foi máis refractario ás críticas e acusacións que se lle puidesen realizar aos seus dirixentes políticos por posíbeis irregularidades.
As coñecidas estratexias do gurú de Bush, o astuto, mentireiro e tramposo Karl Rove, estanse aplicando na política peninsular desde hai tempo, impedindo o coñecemento e a análise seria e rigorosa dos programas políticos e do seu cumprimento. Búscase a destrución da imaxe do adversario político por calquera medio, agás unha crítica racional e clarificadora das propostas partidarias. Ante iso, ás organizacións progresistas só lles cabe actuar con coherencia aos seus principios ideolóxicos, cunha ética impecábel como máximo valor, defenderse e replicar, implacábeis, con contundencia, a cada unha das acusacións que se lle realicen -mesmo xudicialmente- nos distintos medios de comunicación.
