Mércores 08.09.2010
| Actualizado 18.03
Hemeroteca web
|
RSS
En lembranza de Howard Zinn (1922-2010), un historiador do pobo
Coñecín literariamente a Howard Zinn en 2007. Teño que dicir, ademais, que foi grazas á xenerosidade de Eva Sastre, quen me agasallou co libro La otra historia de Estados Unidos, que editara Hiru unha manchea de anos atrás, en 1997. Da lectura que fixen daquela, din conta axiña cun artigo titulado A independencia dos EEUU e as súas verdades evidentes, publicado no suplemento Descubrir de Galicia Hoxe. Dende ese momento, a reveladora historia dos EEUU que nos descobre Howard Zinn, profesor da Universidade de Boston criado nas colonias proletarias de Brooklyn (Nova York), acompañou moitas das miñas reflexións históricas, do que deixei constancia en diversos artigos: O sistema sen fronteiras, Inmigración, racismo e gran capital e Democracia, crise e capitalismo, e mantiven a súa análise como referencia.
A historia que nos presenta Howard Zinn é, como sinala a cuberta do libro, "unha brillante e conmovedora historia do pobo dos EEUU dende o punto de vista dos explotados política e economicamente, a quen a historia oficial sempre ignorou". Ora ben, en que consiste realmente iso? A resposta é ben sinxela: en escribir a historia dende abaixo, situándose en cada momento histórico do desenvolvemento dos EEUU na perspectiva dos explotados que tomaron conciencia da súa explotación para construír a democracia que hoxe coñecemos nos EEUU. Así, ao longo das páxinas desta historia, o autor ten en consideración os indios americanos, desprazados das súas terras polos colonos e despois polos conquistadores do Oeste; aos escravos e ás escravas do sur americano, aos insubmisos a unha guerra odiosa, unha guerra para preservar os dereitos dos amos; aos obreiras e ás obreiras que traballaban nas fábricas ou no servizo doméstico en condicións infrahumanas, aos mesmos obreiras e obreiras que protagonizaron a gran folga ferroviaria de 1877; ás traballadoras e aos traballadores inmigrantes que axiñas se sumaron á masa de fundadores desposuídos; aos cubanos da guerra de Cuba e aos filipinos da guerra de Filipinas; aos socialistas e aos anarquistas que construíron o potente movemento obreiro norteamericano dos últimos anos do século XIX e os primeiros anos do século XX; aos pacifistas e ás pacifistas que se opuxeron á guerra mundial; á poboación afroamericana que se mobilizou pola igualdade de dereitos durante a segunda posgeurra mundial; aos activistas e ás activistas que se mobilizaron contra a guerra de Vietnam...
En definitiva, Howard Zinn móstranos na súa brillante obra histórica a historia dun pobo, así como a historia daqueles grupos sociais que en cada momento determinado constituíron a liña de vangarda no progreso social e democrático dos EEUU, pero non só para dar testemuña súa, senón para chamar á acción hoxe.
En fin, como sinalaba recentemente Eva Sastre, quen si o coñeceu persoalmente, "a morte de Zinn é, realmente, a perda dun home non só valente, senón tremendamente alegre, honesto e xeneroso".