Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

retallos dunha época

XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN

Fe e lingua

01.08.2007 
A- A+

A Igrexa católica apenas apostou polo uso do galego nas súas prácticas cotiás. Situación que segue vixente, malia os esforzos de persoas como Monseñor Araúxo, unha desas personalidades senlleiras dentro da Igrexa polo seu convencemento e polo seu posicionamento favorable ao uso do idioma galego no ámbito eclesiástico. Miguel Anxo Araúxo foi un referente que cómpre admirar e lembrar sempre. O acto da súa ordenación como bispo foi realizada en galego, un feito insólito naqueles momentos nos que houbo algunhas iniciativas que tentaban dar algún paso a prol do galego como lingua litúrxica. Cómpre salientar con ese obxectivo común de defensa da lingua galega a aparición de movementos como o Bienio Irmandiño, Irimia ou Encrucillada.

Sería importante aproveitar o labor dos colectivos e das persoas que dentro da Igrexa apostan polo uso do galego nas prácticas litúrxicas. Con ese entusiasmo houbo feitos e compromisos ben significativos. Entre deles, a primeira misa en galego oficiada en Bos Aires, no ano 1961; a tradución ao galego do Cantar dos Cantares, no 64;a primeira misa en galego, en Galicia, que oficiou o padre Seixas -amante da liberdade, o meirande argumento, para el, para crer en Deus-, o 25 de xullo do ano Santo de 1965. O mítico 68 foi o ano da primeira tradución completa dos evanxeos ao galego coa edición do libro A palabra de Deus, na que colabora o crego Manuel Espiña Gamallo -director espiritual do Seminario Menor de Belvís- que logo se trasladou á Coruña, implicado tamén, en 1966, na primeira misa fixa en galego nas Capuchinas e no primeiro misal galego; polo que recibiu o primeiro Pedrón de Ouro. Monseñor Araúxo recibiu este galardón en 1977, polo seu compromiso pastoral coas persoas desta terra, coa forza e a ilusión de facelo na súa lingua. Unha das súas obras públicadas en 1975 A fe cristiá ante a cuestión da lingua galega, atende este feito como home afecto á presenza do galego nun ámbito caracterizado polo baixo interese pola galeguización. A Igrexa continuou ese labor, co traballo arduo da tradución de libros litúrxicos, cantorais, leccionarios, misais e rituais. O seu coordinador, don Elisardo Temperán, provigairo e director do arquivo diocesano, concedérame unha entrevista hai 6 ou 7 anos para falarmos desta achega normalizadora dentro da Igrexa. Na conversa saíron á luz as traducións da Biblia de Chao Rego e de Torres Queiruga; traducións de Fernández Lago, cóengo e profesor do Instituto Teolóxico; do franciscano Santiago Agrelo; do irmán Reboiras do colexio La Salle ou de Xulio Andino, en Vigo, as revisións e correccións lingüísticas que lles facían o ILG e o Centro Ramón Piñeiro; a contribución que no seu día fixo Filgueira Valverde na revisión dos himnos e ademais deume a relación de libros litúrxicos publicados ata entón.

Este traballo debería servir para asegurar o emprego do noso idioma en todos os rituais e actos de culto, porque a recuperación do galego como lingua litúrxica permítelles aos fregueses demandar o uso do galego en todos os actos litúrxicos. Pero, con todo, o nivel de presenza do galego, neste sector, é testemuñal.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS