Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

arrabaldeira

MARIÑA PÉREZ REI

Galego: mozo de corda

26.03.2010 
A- A+

Temos un lado vitimista que nos traizoa. Os galegos, digo. En canto alguén nos ataca un pouco ou nos critica reaccionamos irados e doídos. Unha e outra vez, saltamos igual que un resorte nun xoguete. Seguimos a voltas co uso pexorativo da palabra gallego en Latinoamérica, desprezo semántico que por certo, procede de aquí, de nuestra España cañí, non o inventaron alén mar, en todo caso especializárono. Que se tatexo, mozo de carga, tonto, lacayo? segundo un ou unha se desprace por Bolivia, Arxentina, Paraguai ou Costa Rica o insulto vai xirando ao ritmo do eixe da terra e muta milagrosamente en variantes pexorativas. As Reais Academias do cono sur non dan feito para retirar canto antes as acepcións insultantes que tanto nos agriden. Non digo que non, pero seguimos pretendendo cambiar na lingua e nos seus soportes inmediatos as miserias morais da sociedade, antepoñendo moitas veces unha cousa a outra. Ás veces semella ser un desvío de atención. Está claro que é máis fácil vociferar contra un dicionario que nos falta no xentilicio, que procurar prestixiar o traballo e a dignidade dos galegos en toda América Latina levantando país, estudando os fillos, creando empresas e integrándose a marchas forzadas noutra cultura. Non foi mellor o trato que recibiron os italianos, pero nós seguimos cultivando o noso deixe de vítimas, erre que erre. Independentemente de que algún dicionario especializado debería seguir incluíndo as acepcións que tanto nos ofenden, sobre todo por explicar o seu uso na literatura da época (a non ser que tamén a borremos do mapa), por suposto que é bo que se vaian limpando usos despectivos en palabras que designan colectivos de persoas, por respecto e por modernidade. Pero entón sexamos coherentes e suprimamos dos nosos dicionarios barbaridades como "negrada": despectivamente, conxunto de persoas de raza negra, ou "xudiada": faena mal intencionada ou inxusta contra alguén ( ambas as dúas extraídas do noso dicionario Xerais, por poñer un exemplo e sen buscar demasiado). Ao mellor resulta que somos todos uns racistas e uns sionistas declarados. Ao mellor é que a sociedade e a lingua gardan pousos de vellos rancores ou costumes rancios que hai que ir depurando. Todas as sociedades e todas as linguas. O galego tamén.

O peor de todo é a impresión de que aos galegos todo nos afecta desmesuradamente. Non debían ir tocando óso xa? Será por falta de confianza, por inseguridade? Agora, aínda por riba, somos o clamor dunha maioría silenciosa, paradoxo que só se podía dar nestas terras, o caso é que cando alguén carga contra nós non sempre nos defendemos con intelixencia e con agudeza. Contra a impertinencia dos comentarios máis ignorantes contra do noso, deberiamos tirar un pouco máis da retranca galega, que a temos un chisco infrautilizada. Tampouco estaría de máis que algúns que tanto se doen se deixasen ver polo seu correspondente colexio electoral cando toca e exerzan desde alí a súa opinión. Somos o que somos pese a quen lle pese, mesmo a pesar das nosas propias aspiracións, pese ás reais academias que nos deturpan o xentilicio, ao Steiner máis decrépito, aos chistes de galegos e ás frases feitas sobre os galegos, a calquera informe antediluviano das FAES que pretende demostrar a inexistencia do galego como lingua (que tamén hai quen non ter que facer) ou a pesar dos gobernantes que ignoran a nosa historia. A ver se van tocando en óso dunha vez. Orgullo e retranca. Magnífico Ferrín á fronte da Real Academia Galega: non hai que perder tempo con polémicas rancias.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS