Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

CADERNO ABERTO

MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO

Garcés, mineiro de luz

09.04.2010 
A- A+

Finou Miguel González Garcés na cidade da Coruña o 12 de decembro de 1989, o mesmo ano que nos deixan Xaquín Lorenzo, Samuel Beckett e Leonardo Sciascia, e é Celso Emilio Ferreiro a figura elixida para a celebración do Día das Letras Galegas. Logo se cumprirán, pois, 21 anos do pasamento dese gran ser humano e gran poeta que foi o autor de Nas faíscas do soño, mestre e amigo con quen compartimos moitas horas de conversa téndomos sempre como centro a vida e a poesía, paixóns ambas as dúas sumamente activas do poeta coruñés. E se falamos hoxe de Miguel González Garcés é porque neste tempo de primavera recén encetado o poeta ponse de plena actualidade a raíz da publicación dun libro, dunha obra de ensaio biográfico e literario da cal é responsábel o tamén poeta e escritor lugués Xulio L. Valcárcel. Eu lembro cando Xulio e o autor desta crónica –unhas veces sós e outras na compaña de Xavier Seoane– visitabamos a Garcés na súa casa cullerdense do Portádego, tardes enteiras de palabra aberta e poesía, intercambio de ideas –sempre a arte pictórica e temas de estética e poética ben abeirados– e un viño tinto de uva fina para selar o noso particular oráculo de amizade, afinidades e complicidades. O libro de Xulio L. Valcárcel, trescentas cincuenta páxinas ben feitas e cumpridas, saído do prelo de Edicións Laiovento, titúlase Miguel González Garcés, mineiro de luz e é un estudo exhaustivo da figura do noso poeta, "os feitos puntuais e relevantes da súa biografía" e unha revisión ben culminada da súa obra cultural, intelectual e sobretodo literaria, e particularmente poética, pois foi a poesía o motor e a razón principal do universo creativo garcesiano. Novoneyra, amigo do poeta, viu en Garcés un "esforzo e paixón pola Beleza e pola Vida" e Xulio L. Valcárcel ofrécenos un libro total sobre ese "mineiro de luz" –verso este do propio Garcés– que soubo vivir a poesía como un camiño luminoso de transcendencia e de revelación. Unha obra imprescindíbel para redescubrirmos a vida e o mundo dun gran poeta.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS