Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Digamos que, en declaración de urxencia, o Observatorio Social Centroamericano avisou sobre a participación de factores políticos e económicos ligados a laboratorios farmacéuticos transnacionais como primeira hipótese que serviría, entre outras, para explicar o golpe de Estado levado a cabo por sectores da ultradereita en Honduras. O chamado terrorismo farmacéutico, tal é a denominación que se utiliza, ten sido protagonista, máis ou menos invisíbel, en diversos golpes de Estado producidos na sufrida e sufrinte historia da América do Sur. Mais convén manexar -e así o faremos nos vindeiros días- máis datos e informacións fidedignas. Cristina Kirchner, que sabe do que fala, non dubidou en expresar que o secuestro do presidente Manuel Zelaya é un "feito que nos remonta á peor barbarie" e até a secretaria de Estado dos EEUU, Hillary Clinton, afirmou que o golpe militar contra o presidente Zelaya "viola os preceptos da Carta Democrática Interamericana e debe ser condenado por todos". O certo é que a acción militar violenta levada a cabo pola extremodereita hondureña, através dun sector do Exército, ten provocado un rexeitamento xeneralizado en todo o mundo, e o mesmo presidente da Asemblea Xeral da ONU condenou coa máxima contundencia e enerxía o que cualificou como unha "acción criminal do Exército golpista". Fica ben claro, pois, como os sectores máis privilexiados da sociedade e os auténticos donos do país -a oligarquía hondureña, en definitiva-, están decididos a defender coa forza bruta das armas o seu status de dominio. Diante da aplicación de políticas modernizadoras do país e da ampliación e mellora en todos os sentidos do modelo democrático vixente, o poder político-económico tradicional decidiu secuestrar a legalidade democrática utilizando a violencia dun asalto militar. E hai que dicir ben claro, ademais, que a oligarquía hondureña, entre as oligarquías todas, é unha das máis clasistas, autoritarias e excluíntes da nosa querida América. As próximas horas terán o corazón nun puño.
