Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 14:21
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

Ventos ábregos

AVELINO ABUÍN DE TEMBRA

Gustavo Santiago

24.08.2008 
A- A+

A morte do primeiro presidente, Octavio San Martín, e o prematuro pasamento de Modesto Rodríguez Figueiredo puxeron a proba a supervivencia da Fundación do Pedrón de Ouro. Foi entón cando apareceu a providencial figura de Gustavo Santiago Valencia, que xa pertencía á fundación como membro numerario. El foi designado presidente. Con el foi vicepresidente nada menos que Xoaquín Lourenzo "Xocas" ata a súa morte en 1989. Con Santiago Valencia iniciábase unha segunda xeira do Pedrón, intensa e viva. En boa medida, grazas ao seu benfacer, ao esforzo e á dedicación deste insigne fillo de Galicia que nos acaba de deixar. É o quinto integrante do Pedrón que se vai na longa historia da institución. Cómpre que os lembremos nesta hora: Octavio San Martín, Modesto Rodríguez Figueiredo, Camilo Agrasar, Agustín Portela, Xavier Pousa Carrera e Antonio Rodríguez Fráiz.

O perfil biográfico de Gustavo Santiago e apaixonante. Cando, a petición propia, cesou como presidente do Pedrón, foille tributado unha homenaxe no Museo do Pobo Galego, coa concorrencia de numerosos devotos e amigos. A laudatio correu a cargo de Pousa Antelo. Quedou evidente e manifesta a personalidade de Gustavo.

Non só á fronte da Fundación do Pedrón ao longo dunha dilatada traxectoria, senón tamén noutras facetas da vida galega. Nacido en Ourense en 1924, oriúndo do concello de Coles, que o ía declarar fillo predilecto.

Alumno do galeguista Leuter González, un dos máis admirados galeguistas ourensáns, amigo de Risco, Castelao, Otero Pedrayo, nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista. Leuter finou en 1977 (a súa memoria e o seu labor están aínda sen reivindicar convenientemente), o seu maxisterio e a súa influencia citábaos Santiago Valencia como punto de partida inicial para a súa posterior dedicación ás causas de Galicia.

Non nos estendemos na súa dedicación profesional desde que en 1952 se doutorou en enxeñaría no ICAI, ata que en 1964 se ocupa en Santiago como xefe de planificación de Fenosa.

Son os momentos máis sobranceiros e destacados do seu currículo. Presidente da sección "Camiño de Santiago" do Instituto de Estudos Bercianos e membro da primeira asemblea de Turismo de León, membro cofundador da Fundación Castelao e da Fundación Rosalía de Castro e compoñente da súa xunta reitora. Cofundador do Museo do Pobo Galego. Contertulio da Unión Vimarense de Guimarães-Portugal. Portugal era, xustamente, un dos amores de Gustavo e frecuentísima a súa presenza en organismos lusitanos. No Pedrón de Ouro a súa memoria será eterna. Gustavo foi o que transformou a institución de Padroado inicial en Fundación de Interese Galego, así declarada polo presidente Fernández Albor o 27 de novembro de 1987. Consolidou o Premio Nacional de Narración Breve "Modesto R. Figueiredo", que chegou a ser incluso a meniña dos seus ollos. Presidente da Fundación do Pedrón de Ouro entre 1976 e 2001. Tan frecuentes e ardentes as angueiras a prol do Pedrón de Ouro, un organismo cívico ao que quixo con auténtico amor. O Pedrón de Ouro recoñeceu e agradeceu sempre a entrega total de Gustavo Santiago. Obedecía ao lema que se impuxo para a súa vida: "falan de bien fere". Quere o cronista que quede aquí constancia do fervor do Pedrón nesta hora triste. A gratitude colectiva e persoal. As institucións sobreviven grazas ao sacrificio de xente nobre e leal como Gustavo.

A saudosa lembranza de Gustavo Santiago Valencia perdurará eterna e imperecedoira entre nós.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS