Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.02.2020
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

Hai que defender a lingua

22.03.2010 
A- A+

"Hai que defender a lingua como sexa", comeza un coñecido poema de Manuel María. Estamos nun momento histórico crucial para levar a cabo o mandato dese verso: botar man de todas as nosas forzas para defendermos a lingua con todos os recursos da convicción e da presión democrática. Vivimos hoxe nunha verdadeira encrucillada na que nos toca definir se imos permitir que destrúan o idioma propio do país ou se, polo contrario, imos ser a xeración que soubo facerlle fronte a esta lexión de enterradores.

A táctica do goberno de Alberto Núñez Feijóo é apurar ao máximo no primeiro tramo da lexislatura todas as medidas máis agresivas contra a lingua galega. Así, consegue matar dous paxaros coa mesma pedra. Por unha banda, amósalle resultados aos sectores máis extremistas do seu partido, os que o auparon á presidencia da sucursal galega do PP e á presidencia da Xunta. Pola outra, pretende cansar a base social máis activa na defensa do idioma, enviando a mensaxe de que as mobilizacións non serven para nada e que o futuro da lingua está decantado sen remedio.

Debemos ser conscientes de que esta batalla vai ser longa, ao menos para toda a lexislatura, e baixo ningún concepto nos podemos permitir desfalecer. No peor dos casos, non llo imos pór fácil; mais non estamos no peor dos casos.

Xa houbo varias contas que lle saíron bastante furadas a Alberto Núñez Feijóo á hora de aplicar o seu plan de enterro do galego. Quixo comprar vontades no mundo cultural fichando un sociolingüista que tiña certo prestixio para que dirixise o proceso de desmantelamento da oficialidade do noso idioma. A confusión nalgúns sectores durou semanas, mais hoxe todo o mundo ten claro que o papel de Anxo Lorenzo como enterrador do galego só pode ser visto con vergoña allea.

Pensaba tamén Núñez Feijóo que as mobilizacións en defensa da lingua de Galiza serían "cos mesmos de sempre" e encontrouse coas maiores manifestacións en defensa da cultura propia de toda a historia da nosa nación. Unha delas, lembrémolo con orgullo, foi a terceira maior concentración da historia democrática do noso país.

Aínda que o neguen publicamente, o propio PP sorpréndese nos seus comités de dirección por tal afluencia, que nin eles foran capaces de conseguir perante crises como as dos incendios, a pesar da súa reputada maquinaria organizativa. Tamén lles causou abraio ver a tremenda mobilización de xente nova nos actos convocados contra o decretazo, especialmente a manifestación nacional que concluíu o pasado 21 de xaneiro na praza máis emblemática do país, a praza do Obradoiro.

Botaba contas o actual presidente da Xunta de que, xa que todos os estudos indicaban que os índices de falantes nas cidades caen en picado, era posíbel subir o nivel das agresións até niveis inéditos. E encontrouse con milleiros de falantes habituais de español subscribindo manifestos en contra da súa política lingüística, participando en folgas e secundando actos do máis diferente tipo, baixo a exclamación de que a lingua galega é cousa de todas e todos. Para máis inri, as estatísticas que se coñeceron sobre o nivel de rexeitamento do decretazo demostran que é máis repudiado nas áreas urbanas, que aínda estando máis desgaleguizadas non secundan nin comprenden tal nivel de ataque contra o idioma propio do país.

Confundiuse Alberto Núñez Feijóo en moitos dos seus cálculos á hora de ponderar a aplicación do plan que lle dixeron que tiña que aplicar contra a lingua galega. Pensaba que con ter o apoio dos principais medios, das principais corporacións empresariais e o poder institucional da Xunta xa lle abondaría, mais aínda resistimos con moitísima forza. Da nosa mobilización constante, intelixente e entusiasta depende que se continúe confundindo.

A plataforma Queremos Galego convocou concentracións de urxencia a semana pasada en contra do decretazo, nas cales se leu o manifesto en forma de decálogo que indico a continuación. Cómpre difundirmos o máximo posíbel esta información, para que se coñeza a verdade que a propaganda oficial quere ocultar e maquillar.

Estes dez motivos para recusar o decretazo estarán tamén presentes no macroconcerto que a plataforma cidadá organizou para o vindeiro 17 de abril en Pontevedra.

Decálogo contra o decretazo

A plataforma Queremos Galego, constituída por case 700 entidades do máis diferente tipo, chama a sociedade a unha mobilización constante até a retirada deste decretazo contra a lingua galega.

Rexeitamos o decretazo presentado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo polos seguintes motivos:

1.- Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.

2.- Porque as nenas e os nenos das cidades e principais vilas non terán ningún contacto co galego até cumpriren os seis anos. Toda a escolarización en educación infantil será na chamada "lingua materna" maioritaria das familias.

3.- Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega. Non coñecemos outro goberno democrático do mundo que conte cun rexeitamento unánime a unha reforma educativa e que siga adiante a pesar de ter en fronte a todos os sindicatos, todas as asociacións estudantís e -excepto unha- todas as asociacións de nais e pais.

4.- Porque aplicar este decretazo vai supor enfrontamentos nos centros. A Xunta fai deixamento das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas.

5.- Porque estas consultas parciais ás familias son pura propaganda da Xunta, pois en infantil preguntarase pola lingua familiar para que o ensino só se imparta no idioma da maioría e en primaria preguntarase cada catro anos por cal bloque de materias se pode impartir en galego. Neste disparatado deseño non se tiveron presentes nin criterios pedagóxicos nin o dereito a unha educación en igualdade.

6.- Porque este decretazo vulnera leis básicas (a Lei de normalización lingüística), acordos unánimes do Parlamento (o Plan xeral de normalización da lingua galega) e tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos (a Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias).

7.- Porque este decretazo estabelece que a Consellaría de Educación pase a fomentar a edición de libros de texto en español e en inglés, a pesar de contaren cun mercado editorial fortísimo. A Xunta diminuirá así os fondos económicos para a promoción de material pedagóxico en galego, a pesar de ter serias carencias aínda en moitos ámbitos.

8.- Porque abre as portas a que se expediente ao profesorado que imparta en galego algunhas materias, como matemáticas, física e química e tecnoloxía.

9.- Porque con esta norma pasamos a ser a única comunidade do Estado español na que se limita que algunhas materias non poidan ser nunca impartidas na lingua propia e na que se posibilitará que os nenos e as nenas non o escoiten na escola (salvo como actividade extraescolar) até faceren os seis anos.

10.- Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.

Ante esta situación, cómpre continuarmos cunha mobilización intensa, á cal está chamada o conxunto da sociedade, tanto falantes de galego como falantes de castelán. O goberno de Núñez Feijóo quere acelerar a extinción do galego, levándonos a un marco legal preautonómico. De nós depende evitalo!

Paremos o decretazo contra o galego!

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS