Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

O "homo economicus", conveñamos isto, sería aquel que só pensa no seu propio interese e que, relativamente ben dotado de coñecementos e de racionalidade, carece de conciencia moral. Frialdade calculadora e egoísmo extremo, sumemos estas dúas características, son tamén elementos definidores dun tipo que tendo a súa orixe no século XIX se proxecta no amplo espazo contemporáneo con gran fortuna para os seus fins: obter os maiores beneficios posíbeis co menor esforzo. Xa Stuart Mill no seu célebre ensaio titulado Principios de Economía Política (1848) fala do "homo economicus" afirmando que a economía política considera a humanidade como ocupada só na adquisición e o consumo de riquezas, e que o home é un ser destinado, por natureza, a preferir sempre máis riquezas ca menos, coas restricións inherentes ou derivadas da aversión ao traballo e a satisfacción das necesidades máis elementais ou primarias. E, dirán vostedes, ¿que pintan aquí estas alusións ao "homo economicus"? Vexamos. Estando como estamos no túnel dunha crise económica que nos levará seguramente a outro túnel, non está de máis que aprendamos a distinguir de vez entre iso que chaman mercado ou "mercados" e a sociedade civil. O discurso neoliberal trata de impor falazmente a noción de "homo economicus" inseparábel do mercado, pois é nese mercado -din- onde se obtén a liberdade individual. En realidade o que predomina no noso tempo é o "homo alienatus" e non está de máis sabermos, por exemplo, que un total de 200 empresas controlan na actualidade perto do 80 por cento da economía do planeta -velaí o "libre mercado" tan cacarexado- e que, se nos referimos á industria do software, o 90 por cento pertence a unha soa empresa. Pura ficción, pois, a liberdade e si, real e material, a existencia dunha Gran Man Invisíbel, ou non tan invisíbel, que vive para a creación e domesticación dos consumidores: pobres "homo economicus" que acaban sendo, de xeito crecente e irreversíbel as máis das veces, tristes "homo alienatus" sen voz e sen futuro.
