Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 02.04.2020 Actualizado 14:36
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

DE LETRAS E DE SIGNOS

ANXO TARRÍO VARELA

Lois, sen P(p)iedade

18.05.2011 
A- A+

A.T. 2010

FOTO: A.T. 2010

Asistimos estes días a un amoreamento desa clase de manifestacións inverosímiles a que nos ten afeitos decote a realidade. Eses acontecementos, vitandos para o universo das artes realistas, que serían incríbeis se non estivesen notariados pola evidencia da súa palpabilidade ao alcance de calquera. Por poñer algúns exemplos: a perduración de Berlusconi no poder; o encausamento do director do FMI ; a pertenza de Gadafi á Internacional Socialista e ao Comité de Dereitos Humanos da ONU; a metedura dobrada de ETA a través de Bildu; as homenaxes que unha das institucións máis emblemática do centro canónico cultural galego lle está a dedicar a un dos seus detractores implícitos máis radicais; que a propia institución estea presidida pola figura máis emblemática do arredismo político e cultural galego, ao tempo que lles dá de comer na man ás máis altas instancias do poder autonómico e central; en fin...

E falando das homenaxes, publicacións, performances, discursos e eventos varios arredor de Lois Pereiro, o cronista detecta dúas anomalías que resultan algo inverosímiles tamén para quen se teña achegado á vida e á obra do gran poeta monfortino. Unha delas é a ausencia da imaxe ionqui-punk nas publicacións institucionais, como se se quixese agochar unha das caras do poliédrico poeta porque unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa. Quero dicir: unha cousa é o recoñecemento da excelencia poética radical de Lois Pereiro e outra é a exhibición desa cara escura que el non dubidou en amosar como mensaxe de irmandade cara aos colegas de pico e curruncho rueiro, menos preparados culturalmente. Semella que os responsábeis de difundir a imaxe de Lois puxesen unha criba, digamos, protectora, no intre espiñento de ter que seleccionar a imaxe pública que se quería-debería espallar do poeta e, indirectamente, da propia RAG, toda xente de orde, polo que se ve, até o punto de non renunciar ao adxectivo de Real, sendo a maioría confesadamente republicana en escarlata.

Outro fenómeno que lle intriga ao cronista é a ausencia (absolutamente respectábel, obviamente, mesmo admirábel) de Piedade Cabo nos diversos escenarios que se están a construír con Lois Pereiro como protagonista central. Quen lea os textos completos deste home, malogrado pola deterioración física máis cruel, non pode deixar de percibir o grande amor e abeiro que supuxo para el esta muller, mesmo despois da separación presencial como parella, nin de lamentar que o referente humano máis constante, máis recorrente e máis definitivo do poeta fique calado, sen proporcionarnos tantas claves que aínda necesitamos para unha comprensión total de quen durante todo o seu calvario non deixou nunca de procurar o bálsamo na comunicación con esta discretísima muller que, polo que semella, prefire manterse á marxe dos fastos, sen aproveitar a ocasión de saír a escena como primeira actriz dunha traxedia na que son moitos os que procuran saír na foto.

Este día pasado, Ramón Gómez Crespo, director do Proxecto Home Galicia, invitoume a visitar un dos centros desta meritoria empresa e falar cos inscritos no programa sobre o Día das Letras Galegas. ¿Debería eu presentarlles exclusivamente o Lois Pereiro de antes da colza, de antes da heroína e da sida, xunto co Lois-dandi das fotos de estudo onde amosa o seu saber ser elegante na extrema delgadez, obviando calquera outra imaxe que puidera denunciar a súa faceta de punk-ionqui convicto e confeso que é a que quizais mellor pode achegalo aos colegas do Proxecto Home? Non sei, non sei....

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS