Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 11.12.2019 Actualizado 19:33
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

UN FILME GALEGO NA MECA DO CINE FANTÁSTICO

Vanesa Oliveira

¡Maldito Bastardo!, na sección máis macarra de Sitges

05.10.2008 
A- A+

Título: ¡Maldito Bastardo!
Director/montaxe: Javi Camino.
Xénero: Comedia/Terror/Fantástico.
Guión: Javi Camino e David Gómez.
Produción e música: Álvaro Novo.
Elenco: Juanillo Esteban, Pilar Miguélez, Tamar Novas, Manuel Camino, Carmen López, David Balado, José Manuel Camino, Laura Sañudo e Matías Nicieza.

Javi Camino, coa cámara, nun momento da rodaxe de ‘Maldito bastardo!’

O xoves vindeiro, 9 de outubro, o filme ¡Maldito Bastardo!, do compostelán Javi Camino terá os seus 82 minutos de gloria no Festival de Sitges, un dos máis importantes do cine fantástico mundial que se celebra na cidade catalá dende o 2 até o 12 de outubro. Logo de presentar a película en Holanda – dentro do BUT Film Festival– o equipo da película ultimaba esta semana os preparativos para a viaxe ó festival de Cataluña, onde ¡Maldito Bastardo! se proxectará dentro do Spanish Bizarre das maratóns nocturnas do Midnight X-trem. Trátase dun dos apartados máis queridos polos asiduos ó festival, xa que representa o lugar de encontro para as propostas máis macarras e extremas do cine de xénero dos últimos anos. Trátase dun dos apartados máis queridos polos asiduos ó festival, xa que representa o lugar de encontro para as propostas máis macarras e extremas do cine de xénero dos últimos anos.

¡Maldito Bastardo! é unha longametraxe dixital galega e independente, dirixida polo mozo compostelán Javi Camino e protagonizada por Juanillo Esteban, Pilar Miguélez e Tamar Novas.

Unha produción que foi filmada ao longo de tres anos, xa que súa falta de presuposto facía imposible unha rodaxe convencional. Malia a todo, esta circunstancia non está a ser impedimento para que a longametraxe estea a ser seleccionada nos principais festivais internacionais especializados, chegando incluso a gañar o premio aá"mellor película" no festival italiano de Fearmament.

 

é unha longametraxe dixital galega e independente, dirixida polo mozo compostelán Javi Camino e protagonizada por Juanillo Esteban, Pilar Miguélez e Tamar Novas.

Unha marcha cos zombies de George A. Romero

Só un día despois, o venres, 10 de outubro, o equipo da película galega poderá asistir ao que, de seguro, será un dos grandes momentos que se vivirán no festival catalán: un encontro co cineasta George A. Romero, que celebrará dun xeito curioso o 40 aniversario da súa emblemática A noite dos mortos viventes.

Dentro da sección underground Brigadoon, a organización do festival celebrará ese día unha marcha de zombies que sairá ás 19.00 horas do Edificio Miramar de Sitges, e percorrerá as rúas da cidade até o paseo da Ribera cun concerto de rock and roll a cargo de Motorzombies, Los Tiki Phantoms e Dulcamara.

Outro dos puntos claves do Sitges deste ano é a homenaxe a Stanley Kubrick, xa que a súa obra mestra 2001: Odisea no espazo cumpre, como os zombies de Romero, 40 anos. Na xornada inaugural, a viúva do director, Christiane Kubrick, recolleu o Gran Premio Honorífico do festival. Para celebrar o cumpreanos conxunto doutras xoias da ciencia ficción, proxectarase un ciclo de clásicos como O planeta dos simios –que tamén cumpre 40 anos–, Encontros na terceira fase, A fuga de Logan, Barbarella e Solaris.

E como este ano parece que vai de conmemoracións, tamén se fará un recoñecemento á figura de King Kong, no 75 aniversario da mítica versión protagonizada por Fay Wray.

Ademais da película galega, tamén participan na sección Midnight x-treme xoias como a brasilera Encarnação do demônio de José Mojica e a cinta anónima Reality Killers.

MADE IN GALICIA
Seleccionan ‘Auga’ de ‘Ozo’ para dous festivais internacionais

A curtametraxe galega Auga, do director vigués residente na Coruña Ozo, foi seleccionada para dous festivais de cine fantástico a nivel internacional: o Dead Channels The San Francisco Festival of Fantastic Film, e a XIX Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián.

A Fundación Caixa Galicia comeza un ciclo de cine xuvenil en toda Galicia
Onte comezou un ciclo de cine para público xuvenil na Fundación Caixa Galicia. Todos os sábados ata finais de novembro, A  Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo proxectarán O señor dos aneis, Nocturna, Cuenta conmigo ou Pesadelo antes de Nadal.

Luís Tosar roda ‘Celda 211’ que coproducen a TVG e Vaca Films
O director Daniel Monzón traballa na rodaxe da súa cuarta longametraxe, Celda 211, unha historia carcelaria que protagoniza o actor galego Luís Tosar. A película está producida pola galega Vaca Films, a TVG, Morena Films, a francesa La Fabrique e a canle Telecinco.

O filme de Víctor Coyote sobre Alonso Ríos estréase a finais de outubro
O director Víctor Coyote presentou esta semana en Tomiño un adianto do documental que narra a historia do político e profesor Antón Alonso Ríos Siñor Afranio que tivo que fuxir da represión polos montes galegos. O filme atópase en posprodución e estrearase a fins de outubro.

Conta atrás para os certames Amal e Curtocircuíto en Compostela
Dentro da programación cultural deste mes en Compostela, entre o 17 e o 24 de outubro, comezará o Festival Internacional Curtocircuíto, unha cita estable xa do panorama audiovisual galego, e do 25 ao 31 de outubro, arrincará o Festival Amal, especializado en cine euroárabe. 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS