Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 11.10.2019 Actualizado 19:57
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

:: POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

O mártir San Paio

27.06.2011 
A- A+

No roteiro sobre a homosexualidade na Idade Media compostelá, que sairá esta terza feira (martes), 28 de xuño, ás 20 h da libraría Couceiro, deterémonos tamén a observar a evolución da figura de San Paio, efebo galego martirizado e beatificado no século X por non se deitar co califa de Córdoba, Abd ar-Rahmn III an-Nasir.

A extensión do seu culto tivo especial pegada en todo o vello reino de Galiza. Aínda hoxe, a pesar de que é moito menos coñecida a súa historia, é o décimo quinto patrón de parroquias no territorio administrativamente galego, cun total de máis de corenta.

Mais na colaboración desta semana en Galicia Hoxe non quero facer ningunha reflexión polo miúdo sobre esta figura e a evolución da súa consideración. O que vou facer nas liñas seguintes é transcribir unha parte dunha haxiografía escrita por un tal Raguel no mesmo século X, con toda probabilidade para a igrexa de Tui, xa que a este bispado pertencía o asasinado. Propóñovos a súa lectura e que constatedes por vós mesmas, por vós mesmos, se, tal e como sinalou o téologo Mark D. Jordan, a historia de Paio que aquí se nos conta é ou non "a historia dun apaixonado triángulo no cal todos os implicados son masculinos".

Reparade en que o premio que se lle concederá a Paio pola súa resistencia será ser esposo de deus, "aquel cuxa alma xa Cristo desposara consigo nunha fidelidade inseparábel", ao que o "noso Señor mesmo prometía estar á súa dereita entre os coros dos santos virxes". Uniríase a deus en "abrazos entre as curias dos santos" e sería o seu "servidor". Estabelécese así unha dicotomía perfecta entre pertencer ao colectivo de amantes do califa, connotado negativamente, ou ao positivizado grupo de santos que, desde a castidade, mais con demostracións tamén físicas de afecto como os abrazos, terían o pracer eterno de seren esposos de Cristo.

Subliñemos, ademais, que a idea de que un belo efebo sexa levado por deus ao seu carón está entroncada intimamente co mito de Ganimedes. Cando menos no primeiro renacemento español, que aínda ten moito de gótico, hai exemplos da asociación iconográfica de ambos.

Velaquí algúns extractos do relato litúrxico de Raguel:

"Pois ben, naqueles tempos, en que se desatara unha ferocísima treboada contra os cristiáns, sucedeu que os seus inimigos de Hispania enteira se puñan en movemento contra Galiza, co fin de que, se podía ser, unha vez arrasada totalmente, o poder estranxeiro se apoderase de todos os seus fieis. (...)

Mais fixéronse presentes as costumadas grazas de Deus, que de tal xeito iluminaron este Paio, que consideraba a cadea unha proba e a lima dos seus pecados diarios, sen os cales a fraxilidade humana non pode vivir; de xeito que tamén aplicaba a cadea á purificación dos seus pecados, polo feito de que, cando antes estaba metido no seu mundo, non podía pasar a vida sen os afagos das paixóns; pois é case imposíbel que un home situado entre honras agrade a Deus, xa que -a este extremo se chega- cada un, os bens que son del quere atribuílos a si mesmo. (...)

Alí [na cadea] el era casto, sobrio, apacíbel, prudente, atento a orar, asiduo á lectura, non esquecía os preceptos do Señor, era promotor de boas conversas, non participante nas más, non proclive ao riso. (...) Ademais, de tal xeito velaba pola integridade da súa alma e do seu corpo que un podería imaxinalo non pensando senón no seu futuro martirio, pois amosaba tales actitudes, que de ningún xeito podería perder os gozos celestiais. De feito, quen non louvaría coas súas palmas tal condición, daquel a quen adornaba, por un privilexio, unha beleza xa propia do ceo? En efecto, para o que interiormente permanecía como preceptor Cristo, para el era este exteriormente o seu embelecedor, a fin de que honrase o propio Mestre só coa súa beleza física o que pensaba, sen dúbida, como un digno discípulo seu; o cal [Paio] tamén purificaba o seu corpo e preparaba unha morada en que, moi pouco tempo despois, gozase como un esposo e, conforme á que unha vez foi galardoado co seu sagrado sangue, estivese unido a El e aos seus abrazos entre as curias dos santos, como un servidor digno de gloria; até o punto de que, enriquecido copiosamente pola dupla coroa, tanto pola da virxindade, non menos que pola do martirio, conseguise un duplo triúnfo sobre o inimigo, ao recusar as riquezas e non ceder aos vicios; isto é, até o punto de que fose coroado polo Señor por desprezar estas claudicacións, das cales o demo gozaría sempre. Así pois, merecidamente chega a alcanzar un duplo premio o que vencera o noxento inimigo e os seus servidores, se permanecer firme San Paio no rexeitamento das promesas e verdadeiramente digno de eloxio ao non se dobregar ante os vicios. (...)

Por certo, producíndose estes sucesos laudabelmente durante un lapso de tempo de tres anos e medio, un día, por casualidade, presentáronse algúns esbirros de certo paxe real con propensión natural ao servizo, os cales anunciaran ao seu dono que a beleza do rostro do santísimo Paio era notabelmente cativadora.

E, non sen motivo, aparecía belo por fóra, xa que estaba elixido como máis belo no seu interior en relación co noso Señor Xesús Cristo. E así uns homes fatuos e descoñecedores da verdade pensaban sepultar nos abismos dos vicios a súa fermosura corporal, á cal o noso Señor mesmo prometía estar á súa dereita entre os coros dos santos virxes (...). Entre tanto, cando esta noticia chegou a ouvidos do rei, produciulle un grandísimo pracer, mais non honesto, o feito de que o servo de Deus Paio aparecese belo mesmo no medio das aflicións do cárcere. E así, desde este momento [o rei], ao comezo dun banquete, enviou uns subalternos para que fixesen comparecer na súa presenza á que ía ser a súa vítima para Cristo, co fin de a ollaren detidamente (...), alegrándose de seguro os obstinados de mente [os serventes do rei] con ofreceren a un rei mortal aquel cuxa alma xa Cristo desposara consigo nunha fidelidade inseparábel. Así pois, a este, que vestiran con toga rexia, expuxérono ás olladas daquel, mentres aos ouvidos do santísimo neno musitaban que a tan alta honra era levada a súa fermosura.

Díxolle axiña o Rei: "Neno, elevareite ás honras dun alto cargo, se quixeres negar a Cristo e afirmar que o noso profeta é auténtico. (...) Recibirás en tal caso para ti, destes mociños o tipo que escolleres, co fin de que che sirva ao teu gusto, segundo os teus principios. (...) Por outra banda, tamén sacarei da cadea a cantos desexares; e mesmo a teus pais, se ti quixeres, despois de chamalos para este país, lles outorgarei honras inconmensurábeis. Mais San Paio desdeñando todo isto e comprendendo que debía ser tomado a riso, afirma: "O que mencionas, oh, rei, nada vale, e non negarei a Cristo. Son cristián, funo e sereino. Pois todo iso ten fin e pasa ao seu tempo. En troca Cristo, ao que adoro, non pode ter fin, xa que tampouco ten principio algún, dado que El persoalmente é o que co Pai e o Espírito Santo permanece o único Deus, o cal nos fixo da nada e co seu omnímodo poder nos conserva".

Entre tanto, como o rei pretendese tocalo xogando, "Retírate, can", dille San Paio. "É que pensas que son como os teus, un efeminado?" E ao punto desgarrou as roupas que entón se vestira e fíxose forte atleta na palestra, preferindo morrer honrosamente por Cristo a vivir de novo envergoñado co demo e mancharse polos vicios. Mais como se pensase o rei que aquel aínda se ía convencer, ordenou aos seus rapaciños que o seducisen con persuasivas lisonxas, a ver se, por ventura, apostatando, se rendía a tantas grandezas rexias".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS