Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.09.2017 Actualizado 20:28
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Opinión

couso e arca

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Memoria fúnebre no pasamento de Ferro Couselo (1975)

29.05.2010 
A- A+

En Cordeiro, no concello de Valga, nacía hai agora algo máis de cen anos un dos nomes fundamentais da cultura galega que fixo da investigación e dos estudos etnográficos, históricos, arqueolóxicos... os motivos recorrentes dunha parte da súa biografía. Ademais, as colaboracións en diferentes revistas e xornais foron frecuentes e o seu labor acadou recoñecementos e enxalzamento tanto por parte dos seus contemporáneos como por aqueles discípulos que gabaron e proseguiron a esencia do seu traballo. Xesús Ferro Couselo (1906-1975), vinculado aos estudos prehistóricos por vocación e traxectoria familiar, (un seu tío, arqueólogo e historiador, foi determinante na súa vocación), desenvolveu unha intensa promoción da cultura galega e formou parte de organismos e institucións claves no discorrer daquela Galicia do primeiro terzo do século XX: Seminario de Estudos Galegos, Grupo Nós, Mocidades Galeguistas, Real Academia Galega...

Certamente, a produción como articulista de Ferro Couselo é moi importante e, dese corpus de traballos heteroxéneos, os escritos en galego son escasos (maioritariamente están en castelán e só uns poucos foron editados en portugués) e, entre eles, salientamos aqueles de orientación etnográfica, lingüística, folclórica, relixiosa... e, sen dúbida, A vida e a fala dos devanceiros (1955) sitúse nun lugar moi sobranceiro do seu labor.

No 1975, coincidindo coa data do seu pasamento, saíu do prelo este opúsculo que recolle a homilía pronunciada no mes de abril polo padre Xosé Isorna na igrexa de Santa Comba de Cordeiro. Unha memoria fúnebre onde se enxalza a condición humana e o labor cultural dun home humilde alonxado da fachenda. En palabras do oficiante, Ferro Couselo fora un traballador a prol da ciencia e alguén que "coñecía a Historia do noso pobo cunha riqueza de datas de feitos, de tradicións, de falas e ditos dos devanceiros, que poidera, moi ben, ser chamado un arquivo vivente, unha biblioteca en movimento, que andaba a cotío chea de sabencia e de abondosa información"..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS