Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 17.10.2019 Actualizado 14:56
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

ENQUANTO HÁ FORÇA

XOSÉ A. GACIÑO

Migrante, especie humana procedente de África

21.08.2019 
A- A+

Un expediente de infracción ven de abrir a Comisión Europea contra España pola falta de medidas de protección da rula, unha especie avícola europea que sobrevoa cada ano a Península Ibérica para pasar o inverno na África subsahariana. Concretamente, pola violación do artigo 7 da directiva europea de aves, que fai referencia aos niveis sostíbeis da caza de maneira que sexa compatíbel co mantemento dun nivel satisfactorio da poboación das especies correspondentes. Desde 1980, a poboación de rulas descendeu un 80 por cento no conxunto de Europa e en España, nos últimos vinte anos, baixou un 40 por cento. O expediente, por certo, como no caso das infraccións polos altos niveis de contaminación urbana en Madrid e Barcelona, recae sobre o Estado español, que deberá entenderse coas comunidades autónomas -entre elas, Galicia- que son as que teñen as competencias en materia de caza.

Parece que, no caso da asistencia humanitaria aos migrantes que tratan de chegar a Europa polo Mediterráneo, non hai directivas europeas específicas polas que se poida abrir expediente en caso de incumprimento. Os migrantes son especies humanas procedentes da África subsahariana, é dicir, que fan a viaxe en sentido contrario ao das rulas. Non voan, aínda que co diñeiro que rematan pagando ás mafias terían de sobra para voar en primeira clase, se tivesen acceso a un visado, pero tamén poden ser cazados sen control, no seu caso polas diversas mafias en cada fronteira e polas diversas forzas represivas dos lugares de tránsito e, se sobreviven á extorsión dos “cazadores” e á precariedade da súa navegación, non chegan precisamente ao paraíso, sobre todo se lles toca fronte ás costas de Italia.

Pode que non haxa directivas europeas específicas sobre acollida a náufragos e navegantes en precario (si as hai sobre procedementos de asilo a refuxiados), pero hai normas internacionais moi antigas sobre salvamento marítimo e convenios máis recentes, deste mesmo século, que regulan a obrigación de prestar axuda aos que corren perigo no mar e mesmo unha Organización Marítima Internacional, organismo especializado das Nacións Unidas, que entende destas cuestións, pero os procedementos xurídicos son lentos e complexos, pouco operativos para situacións de emerxencia. As propias Nacións Unidas naceron para establecer mecanismos de diálogo e negociación que evitasen as guerras e as guerras seguen a producirse en todo o mundo. Din que é cousa da soberanía dos estados. Aínda estamos lonxe dun goberno mundial de base democrática.

Nin sequera estamos cerca dun auténtico goberno europeo. O entendemento entre estados soberanos parece dar prioridade absoluta ao control dos obxectivos estritamente económicos cos que naceu o soño da unidade europea. Os límites de déficit público figuran xa ate nos textos constitucionais. Certo que, pouco a pouco, se vai avanzando e as directivas europeas xa prevén o control da contaminación e a protección de aves, por exemplo. Un pouco máis e quizais toque ocuparse, por exemplo, do futuro demográfico deste continente envellecido e da acollida aos que poderían axudar (xa o fan os que conseguen sobrevivir a tantas cribas represivas) a equilibrar unha poboación desaxustada.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS