Mércores 08.09.2010
| Actualizado 17.28
Hemeroteca web
|
RSS
A Gonzalo Ordóñez pai, que foi un alcalde carismático, tras o seu pasamento substituíuno Barros, o alcalde de máis peso de cantos coñecín, pero tamén dunha humanidade paternalista tan abundante como el mesmo. Ambos eran alcaldes perennes de dereita nun territorio cada década máis industrial e obreiro, grazas ó desprazamento das industrias viguesas ó seu municipio. O Porriño estaba marcado como un viveiro de votos do PP ata que as disputas internas remataron por entregarlles a alcaldía ós nacionalistas que, nunha corporación atomizada, colocaron a Raúl Francés na poltrona con soamente cinco concelleiros dos quince que a integran. Con todo, era a lista máis votada.
Contra esa lista, sen escoitar a propia doutrina que o PPdeG quere aplicar alí onde lle interesa porque aparece como gañador sen goberno, volvéronse xuntar os inimigos de antano, coa bendición de Louzán e Rueda, e recuperaron o poder. Ademais de amosar unha vez máis a hipocrisía dos intereses particulares sumados ós de partido, neste caso para tratar de garantir o futuro dominio da Deputación, no ar queda unha pregunta dramática de Raúl Francés: como van gobernar xuntos nove individuos que non se falan nin na rúa?