Hemeroteca web | RSS  RSS     Mércores 17.04.2019 Actualizado 13:30
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

día a día

PLÁCIDO LIZANCOS SANTOS

No día da paz, a relixión non debe dividir

17.01.2008 
A- A+

Xa empezamos mal o 2008. O primeiro de xaneiro celebrouse o Día Internacional da Paz. O Papa fixo un chamamento urbi et orbi, ó que secundou o noso eximio e pío embaixador, o ilustre paisano, prez e honra de Galicia. Segundo este, os dous purpurados españois pasaron nos seus chamamentos á defensa da familia e á práctica da moral cristiá con obras e feitos, non de lingua, nin de palabra, como diría San Paulo, ou non? O caso é que a cousa anda entre tres perilustres galegos: a súa Eminencia Rouco, o Excmo. Sr. Vázquez e o metido a teólogo don Pepe Blanco. Polo visto, estes dous últimos, cristiáns, segundo confesión propia, din que a Xerarquía católica en España "distorsionou totalmente unha celebración de carácter relixioso", e que, sospeito eu, os Eminentísimos, terxiversaron o mandato evanxélico do citado San Paulo: "predica oportune e importune", é dicir, guste ou non guste, e ó Goberno non lle gustou. A liberdade de expresión, á que temos dereito todos, permite que os bispos digan o que queiran e os políticos que lles respondan o que queiran tamén. Estas liñas tan inocuas, que escribo os mércores, houbo algún alcalde, e algún conselleiro do réxime anterior, que tentaron silenciarme; como se ve a liberdade de expresión pode facer auga.

E para rematar, máis cerca da nosa casa, a conselleira máis fotografada, que non fotoxénica -¡mira que ocupa espazos a súa vera efixie, a da Sra. Bugallo!-, desde a última agarimosa foto co catalán Rovira e co conselleiro vasco de cultura, defensores das nosas cores deportistas independentes (?); sen malicia ningunha, algo así como cando na miña vila natal, xogabamos os do "cabo da xesta contra os do cabo da vila". A máis fotoxénica dos tres: Josep-Lluis Carod- Rovira e Miren Azcárate, responsables de Deportes en Cataluña e Euscadi, é, neste caso, a conselleira galega. Na prensa do 30 do mes pasado pódena ver na portada dalgúns xornais asinando a Declaración de San Mamed.

Ela, a conselleira de Cultura, a que inmortalizou a frase "O Gaiás será un magnífico escaparate", onde antes dicía digo agora di Diego, é humano cambiar. Ela, a conselleira, no canto de favorecer a creatividade, protexe e fomenta os proxectos de tradución ó galego, dos que se presentaron 67, e 50 do galego a outras linguas, "títulos de custo elevado que pasarán a engrosar a lista da biblioteca virtual, Bivir" (sic); e di a conselleira, no Día da Tradución que hai que afastarse da súa imaxe académica e achegarse máis á sociedade". ¿Sabe a conselleira do "Patrocinio da súa Consellería de Cultura e Deporte" o quincenal O Pasquim, escrito en portugués auténtico galego, por tanto, no que autorizan: "Os artigos e os quadros son de livre reproduçom respeitando a ortografía e citando procedéncia". Como fago eu agora. Os meus parabéns a Edita Minho Media S.L. pola súa diagramación perfecta, a Gerardo Uz pola maquetación e a Coordenaçom de Suso Sanmartín e a Xico Paradelo. Grazas a este Pasquim, que así se chama, podémonos informar do que outros non saben.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS