Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Todo novo Goberno merece unha marxe de confianza ó chegar. Escoitei o discurso de Núñez Feijóo con esa premisa e o desexo de atopar raiolas de luz que permitan pensar que os novos conservadores veñen con ideas novas. Lamento dicir que rematei a escoita máis preocupado que decepcionado. O futuro presidente nadou e gardou o seu programa real ó tempo que colocaba Galicia contra o goberno do Estado. Falou moito de economía coa certeza de non ter solucións, pola simple razón de que vivimos un problema global que non se resolve nin dende Santiago nin en Madrid. Pero cun ás na manga: se remata a crise cedo poder apuntarse ó éxito, e se non, botar balóns ó beiril do veciño. Falou de non mirar cara a atrás e deulle pulo á nostalxia resucitando o Plan Galicia de Fraga e Aznar, fenecido por falla de orzamentos e concrecións, baixo dunha epidemia de carteis de propaganda por todos os recunchos do país. E perdido nas contradicións falou de respectar as boas decisións dos seus antecesores, pero saíronlle os tic propios dun voceiro ancorado nos criterios de facer oposición. Nostalxia e oposición, aínda que o agoche, esas foron as liñas do discurso de investidura de Feijóo.
