Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 23:52
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Otero, De Lorenzo, Maiztegui, Cabanillas e Ledo, sobre Macías

16.06.2007 
A- A+

E sta é unha peza coral no senso compositivo do termo. Aquí converxeron en eufónico traballo poesía, debuxo, arte musical, sensibilidade e un inxente labor de equilibrio para ofrecer unha obra tan singular como extraordinaria: Macías o Namorado (Ed. Galaxia, 1956), un poema escénico en prosa e verso "a xeito de guieiro musical, sobor dunha cantata de Otero Pedrayo", obra composta por Ramón Cabanillas e Antonio de Lorenzo coas achegas musicais do compositor Isidro Buenaventura Maiztegui Pereiro (a súa nai Mercedes Pereiro era de orixe galega) e coas ilustracións, sempre poliédricas na súa expresión, do lembrado Xohán Ledo.

Maiztegui Pereiro, natural de Gualeguay (na provincia de Entre Ríos), nacera no ano 1905 e ao longo dos noventa e un anos que viviu dedicouse con intensidade á vocación artística e musical, tarefa na que colleitaría numerosos éxitos. Compositor, docente e director foron algúns dos labores que realizou este arxentino que musicou numerosas películas do seu país e, especialmente, algunhas de Juan Antonio Bardem nos anos 50 como Felices Pascuas, Cómicos, ou Morte dun ciclista. Entre os anos 1952 e 1969, Isidro Maiztegui resisiu en Madrid onde mantén estreita relación con outros escritores e eruditos, entre os que se encontran Antonio de Lorenzo Sánchez e Ramón Cabanillas, que formarían con el a tríade compositiva deste poema escénico.

O profesor Alonso Montero, nun interesante artigo publicado na revista Madrygal titulado: Escritores galegos, letras galegas en Madrid: a tertulia do café Lyon d"Or (1952-1954), ofrece algúns datos de interese sobre este grupo: "Isidro B. Maiztegui era tan educado, tan cumprido, que ninguén chegou a sospeitar que tiña simpatía co comunismo. Sabíase que era amigo de Juan Antonio Bardem /.../ Maiztegui conversaba moito, na tertulia, con don Ramón e con Antonio Lorenzo Sánchez, comprometidos daquela cunha obra sobre a figura de Macías o Namorado. /.../ Ás veces, os tres discutían amigablemente sobre a vida tráxica e os versos románticos do vello poeta de Padrón".

Isidro Maiztegui, que non esqueceu as raizames galegas, afirmaba (revista Polifonía, decembro de 1976) que o artista e creador, por moi xenial que sexa, precisará sempre alimentarse nas bases da tradición que conforma os piares das manifestacións artísticas do seu pobo a través de lendas, cancións, danzas... Algo así agroma nas verbas limiares deste texto-libreto cando se afirma que: "Nada con máis vivacidade do que o teatro musical para revelar o xeito dun pobo, para nos doar a imaxe da súa vida e o compaso do seu ritmo, pra despertar a emotividade e maila comprensión".

Grazas a Ana María Mondolo sabemos que esta peza de Macías o Namorado (Premio, por unanimidade, da Comisión de Cultura no ano 1988) foi representada no Teatro Colón de Bos Aires no mes de maio de 1984 e que, un ano e medio máis tarde, se repetiu no Auditorium de Mar de Plata con Gabriel Renaud como tenor. Unha Obertura que actúa como pórtico dun Mencer, Meridía, Solpor e Coda para acadar a través da figura e paixón do compositor a síntese lírica, metafórica e musical de Galicia. Macías, un personaxe no que rivalizan a tenrura e a forza como arquetipo e síntese de "sensibilidade acesa e da máis enérxica virilidade".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS