Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Edicións Laiovento acaba de publicar un estupendo libro do filósofo marxista Alain Badiou, traducido directamente do francés ao galego polo tamén filósofo Francisco Sampedro. O texto, en cuestión (Pequeno panteón portátil), trata dunha fonda reflexión de Badiou sobre os amigos ou mesmo dialecticamente enfrontando as ideas da subversión do pensamento, así, da filosofía, onde o panorama, como el mesmo indica, está "sobradadamente poboado de impostores". Petit panthéon portatif, en certa e clara maneira, como ben o título propón, non deixa de ser un non menos claro axuste de contas. Nel, Alain Badiou, con rigorosidade intelectual, fai comento e memoria -con certos sintagmas de nostalxia non enfermiza, e polo tanto exenta de calquera patoloxía social da reinante mediocridade que nos abafa-, de pensadores en todos os ámbitos do saber, sen esquecer, malia as discrepancias, que el mesmo deixa entrever na lectura dos seus textos, e a propósito de Jacques Lacan, Georges Canghilhem e Jean Cavaillés, Jean-Paul Sartre, Jean Hypopolitte, Louis Althusser, Jean-François Lyotard, Gilles Deleuze, Michel Foucault, Jacques Derrida, Jean Borreil, Philippe Lacoue-Labarte, Ghilles Châtelet e Françoise Proust.
Alain Badiou é un filósofo puro, no sentido menos metafórico; é un marxista cunha non excesiva devoción laica, co que el chama "contra a existencia ilusoria do Eu, e polo tanto contra a escola americana dese Eu, que non acaba de desenvolverse, porque a noso ver, nin eles nin eu son quen de ver, tanto canto existe, é indisolúbel á realidade de si. Activar o eu contra a escola que critica non é outra cousa que darlle a razón e pórlle as costas a Sigmund Freud, ao que chega dunha maneira certamente rara, do mesmo xeito que chega ás distintas teorías da linguaxe Roland Barthes, para inflexionar os campos semióticos. E posíbel? O Eu existe, dende o punto de vista marxista, ata que ese mesmo Eu chega a conciencia do Outro, tal como Sartre explicaba na concepción marxista-maoísta, despois de pasar pola conceptualidade existencialista tan próxima a Camus, por exemplo de L"éter et le neánt (O ser e o nada). A este propósito un recorda que das páxinas deste libro, poñamos por caso, tal que persoas que sexan elas quen de fundar as súas propias leis e mesmo se rebelar contra calquera estatuto moral, ético ou tradicional, declarando por enriba de todo a liberdade individual entre os significados e os significantes. Era o primeiro Sartre? Pode semellar que si, pero con iso, nas proximidades do anarquismo, ao meu ver, non entra en ningunha condadictio coa súa evolución posterior, onde o partido como harmonía do nós interpreta o eu indestrutible. O eu vén do nacemento, e polo tanto o significando non existe se non é para máis alá da sociolingüística e o seu significando, que é o que critica e defende Alain Badiou cando defende a Jacques Lacan como un dos grandes pais da psicanálise, retornando á filosofía ou pensamento freudiano para a disolución ou derrame dialéctico-sintáctico do eu.
Louis Althusser, discípulo -dalgunha maneira- de Spinoza, o propio Lacan, Marx, Lenin, Engels, Gramsci, Mao, Stalin, Levi-Strauss, e outros que arestora non podemos mentar por falta de espazo nas páxinas dunha columna coma esta, fíxanse, ao meu ver, nun exceso de significandos, cando tales enunciacións apenas teñen contido, aínda pertencendo aos mesmos e aparentes campos semánticos, lingüisticamente falando. O Eu, entón, daquela é unha cuestión de nacemento que pode ser esluído, pero non esquecido no subsconsciente, pero si pode ser educado no Nós, e non como Lacan pensaba interpretando a Sigmun Freud. En calquera caso, como di e repensa Badiou, a propósito de Kant, "a filosofía é un campo de batalla", pero Marx, con todo, está aí.
