Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 09.12.2019 Actualizado 13:50
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

:: POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

Podería atenderme en galego?

07.02.2011 
A- A+

O galego, ademais de ter recoñecido o carácter estatutario de "lingua propia" de Galiza (que supón o mandato concreto de potencialo), é idioma oficial das administracións situadas en Galiza. É oficial de todas: da estatal, da autonómica e das locais.

Isto quere dicir que coa Xunta, coas universidades, cos concellos e deputacións, coas empresas públicas, cos órganos da administración central con delegación en Galiza, temos dereito a:

-Falarmos en galego.

-Entregarmos escritos en galego.

-Que respondan en galego aos nosos escritos.

-Que os formularios estean en galego.

-Que a publicidade sexa en galego.

-Que a páxina web estea en galego.

-Que a sinalización das dependencias administrativas con sede en Galiza estea en galego.

-Que a traballadora ou o traballador nos atenda e nos responda en galego.

Hai un marco legal que lles dá soporte a estes dereitos (por moito que poida lamentalo o actual presidente da Xunta!). Por iso, unha actitude de reclamación individual firme, persistente e intelixente terá resultados moi efectivos.

A atención oral

Esta semana imos centrarnos no último dos dereitos antes relacionados. Todas as persoas deberiamos ser atendidas oralmente en galego en calquera administración (o Concello, a Axencia Tributaria, etc.) ou empresa pública (Renfe, Correos, etc.), tanto se estamos presencialmente como se realizamos as xestións a través do teléfono.

No caso de non nos atenderen de inicio no noso idioma, o mellor que podemos facer é... solicitalo explicitamente: "Por favor, podería atenderme en galego?"

Esta solicitude pode acompañarse dun sorriso franco, pois na maioría dos casos se non se nos responde en galego non é por ningunha actitude contraria ao galego, senón por inercia ou, mesmo, por descoñecemento de que existe tal obriga na atención á cidadanía. Por propia experiencia, sei que en moitas administracións abonda con facer a solicitude para que se mude a lingua sen ningún tipo de problema.

Se for oportuno, podemos recordar que se trata dun dereito amparado pola lexislación. Abonda con indicarmos iso e non é necesario lembrarmos cales son as normas en concreto, mais, por se foren de axuda, son estas:

a) Art. 6.1 da Lei 3/83, de normalización lingüística: "Os cidadáns teñen dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública no ámbito territorial da Comunidade Autónoma".

b) Art. 54.11 da Lei 7/07, do estatuto do empregado público: Os empregados públicos "garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio". Penso que é importante que isto fique claro, aínda que sexa á custa de repetilo: o Estatuto Básico do Empregado Público afecta ao conxunto do persoal funcionario e laboral que está ao servizo das Administracións, como a Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas, das entidades locais, universidades públicas, así como os organismos, axencias e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia, vinculadas ou dependentes de calquera das Administracións.

Se a traballadora ou o traballador da Administración ou da empresa pública pasa a falarnos en galego, pódese agradecerlle a súa amabilidade cando finalicemos a xestión. Porén, se mesmo despois de o solicitarmos non podemos continuar recibindo a atención no noso idioma, o mellor é non entrarmos en discusións de ningún tipo nin perdermos os nervios ou o tempo. Trátase simplemente dun dereito e de que hai que aplicar a lei.

Ás veces poderemos encontrarnos con casos en que, por facermos a solicitude, teremos que escoitar cousas do tipo "¿Y por qué quieres que te atienda en gallego?" ou mesmo "¡Ya vienen los del Bloque!". Non caiamos na trampa. Non imos a esa administración ou entidade pública para debatermos sobre as nosas preferencias ideolóxicas, relixiosas, lingüísticas ou culturais. Imos para realizarmos unha xestión, a que for, e temos o dereito a realizala en galego e recibindo atención en galego. Os dereitos non se discuten: exércense. Se nos enfadamos, seremos os primeiros prexudicados, pois contribuirá a queimarnos.

Unha opción neste caso é solicitarmos que nos atenda outro traballador ou outra traballadora que si saiba galego. Se isto non for posíbel ou implicar tempo de agarda ou algunha outra dificultade, talvez o mellor será continuar coa xestión e, posteriormente, realizar unha queixa por escrito na Administración ou empresa correspondente.

No caso de que houber unha atención deficiente ou un trato humillante por realizarmos a solicitude, na queixa debe especificarse que non só non nos atenderon en galego, senón tamén describirmos con brevidade o acontecido: Se tivemos que agardar máis tempo do debido, cal foi a resposta, etc. No escrito de queixa é bo que procuremos a concisión e a efectividade: Vaiamos ao punto que queiramos subliñar e pidamos resposta por escrito.

É recomendábel que, a maiores, encamiñemos a nosa queixa á Mesa pola Normalización Lingüística, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e ao Valedor do Pobo, para que fique constancia do acontecido e fagan o posíbel para solucionala. Podemos utilizar o correo electrónico ou as súas páxinas web, gañando así en axilidade:

a)A Mesa pola Normalización Lingüística.-É unha entidade cidadá, coa consabidas limitacións humanas e económicas, mais daralle máis eco e máis forza á nosa queixa. Os correos de contacto son amesa@amesanl.org ou linhadogalego@amesanl.org

b)Secretaría Xeral de Política Lingüística.-É o departamento do Goberno galego que ten como finalidade promover o idioma da Galiza e defender os dereitos lingüísticos. É sabido que o seu funcionamento actual deixa moito que desexar, mais ten obriga de tramitar e responder a nosa queixa: sxpl.secretaria@xunta.es

c)Valedor do Pobo (se a entidade é do ámbito local ou autonómico) ou Defensor del Pueblo (se é para a Administración do Estado ou entidades estatais).-Tamén teñen a obriga de tramitar e de responder a nosa queixa. No caso do Valedor, o escrito enviarémola a rexistro@valedordopobo.com e, no do Defensor, podemos dirixilo desde a súa páxina web: www.defensordelpueblo.es

Que se use o galego depende de nós! Que se use o galego depende de ti!.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS