Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

couso e arca

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Poemas da morte sobrevivida

09.04.2011 
A- A+

O nome deste 2011 é Lois Pereiro. A designación do poeta monfortino como figura clave das Letras Galegas representa unha decisión afouta e rompedora por parte da Real Academia Galega que procurou, coa decisión tomada, achegar este feito poético, sempre complexo do autor, a un público maioritario despois dun longo silencio, do descoñecemento e da pouca difusión que tivera unha poética tan orixinal e tan marcada por unha (contra) cultura e unha estética tan rechamantes. Esa marxinalidade na que navegou o poeta logo do seu pasamento -que mesmo en vida construíu coa poesía e a música un produto moi arredado dos circuítos editoriais e dos lectores-, é agora compensada coas múltiples edicións e reedicións das súas obras, así como coas diferentes achegas escritas para a ocasión arredor do seu discorrer biográfico.

Os diferentes selos editoriais veñen de ofertar nestas semanas as respectivas homenaxes, e Edicións Xerais deu ao prelo esta Poesía completa baixo a responsabilidade de Ana Acuña que foi quen de xuntar, en pouco máis de duascentas páxinas, unha obra chea de modernidade, actualidade e habelencia lírica, unhas características ben visibles a pouco que nos iniciemos na lectura de Pereiro, o escritor que arelou compartir os límites do propio e a fronteira do inestable.

Poesía núa, nacida do arrebato vital, liñas poéticas penduradas do pálpito, do sangue, a terra ("terra e máis terra brava") e da morte. E tamén tenrura, desamor, "palabras desarmadas/ desexos que se perden" e sempre os soños, o xogo onírico e envolvente que nos traslada con vagar nesa "viaxe nocturna que emprendemos/ polo interior dun corpo diferente". Poemas de versos explícitos e verbas implícitas que nos mergullan nunha ollada crítica e contundente dun escritor moi formado e cunha enorme bagaxe cultural: "Non debe sorprender que os poemas de Lois Pereiro visibilicen unha extensa arañeira musical, cinematográfica e literaria"... No seu conxunto, unha estética moderna e rompedora..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS