Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

o chioleiro

XOSÉ MARÍA MÁIZ TOGORES

O poeta da Maía

06.12.2006 
A- A+

Neste ano cúmprese o centenario do nacemento do poeta da Maía (como adoi­taban chamarlle), o egrexio Maximino Castiñeiras (Ortoño, Ames, 1906-1992). Cursou o bacharelato e a carreira de Maxisterio e foi mestre en Santiago e na súa terra natal polo espazo dun ano. En 1929 embarcou para América como practicante e alí pasou traballando anos abondos. Na terra transatlántica, nos anos 50, comezou o seu lonxevo traballo como "compoñedor de versos". Na quinta provincia galega, Bos Aires, publicou América vista por Valle-Inclán e colaborou en revistas como Céltiga, Dorna e Anuario Brigantino.

De aparencia machadiana e de carácter apaixonado e sensíbel, este home namorado da súa terra, a privilexiada A Maía (A Mahía lle hei cantar / con verbas de namorar), fala dela e da súa alma como se fose unha dona señardosa, xentil, leda, tenra e saloucante. Gonzalo R. Mourullo, no adro de Florilexio poético, libro de 1987, definiuno moi ben con estas sentidas palabras: "... topar aínda con homes como Maximino Castiñeiras resulta un reconfortante miragro... Bó, xeneroso, desprendido, inxenuo, xovial, optimista e amigo dos seus amigos até a morte...". E, segundo a miña familia, que tivo o pracer de compartir moitas tardes de conversa e de compaña, era, daquela, un dos mozos da comarca maiá que mellor bailaba a muiñeira nas festas da Peregrina.

Na súa obra hai un pouco de todo. En prosa, textos sobre Galicia e os seus homes (Valle-Inclán, Castelao, Maside...), consideracións filosóficas sobre a vida, sobre o amor, sobre a esperanza ou sobre o fogo. En poesía, tanto en español como en galego, fermosos versos cheos de agarimo e de tenrura por homes como Celso Emilio Ferreiro, García Lorca ou Alexandre Bóveda; e lembranzas de Manoel Antonio, Francisco Añón e Curros Enríquez. Por non falar da visión lírica da Maía, de Compostela e da Curota.

Para rematar este pequeno e modesto pero sincero comentario, uns versos do poema Miña terra, nos que pregunta, certo que sen resposta, cunha fondura filosófica, pola causa de antítese que se produce na súa vida, dende que viñera ao mundo, entre ledicia e bágoa: "Despois... Despois fixen a miña pregunta indefinida: /¿por qué me deron a tristura que me deron/na soedade do mar e na do ceo?

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS