Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 11.12.2018 Actualizado 21:23
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

o rodicio do tempo

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ

Primeira alcaldesa galega, Mª P. Gómez

16.01.2010 
A- A+

O 14 de marzo de 1936 o pleno do concello da Caniza elixía alcaldesa a María Purificación Gómez González, militante de Izquierda Republicana, partido fundado por Azaña en 1934. Foi un feito histórico de enorme importancia para a integración da muller na política, que a ditadura franquista tentou borrar.

Antes de seguir con esta pequena lembranza, quero aclarar que eu adoito dicir A Caniza, e non como se oficializou o topónimo, A Cañiza. A orixe do lugar son varias chozas de pastores que se transforma en vila a partir de mediados do século XIX, co gallo da construción da estrada de Ourense a Vigo, por aquí e non pola Franqueira coma o camiño real. Cando eu era neno as persoas maiores dicían A Caniza, do mesmo xeito que O Canizo (A Gudiña) e non O Cañizo.

Feita esta aclaración, prosigo coa evocación da alcaldesa María Purificación. Non era solteira, malia ter 29 anos, como se puidera pensar tendo en conta a época en que desempeña o cargo, senón casada co mestre José Ares Sánchez e con catro fillos. Andaluza de nacemento (Belmez- Córdoba, 1905), pero de nai galega natural de Caldas de Reis. A familia, por mor do traballo do pai no ferrocarril -enxeñeiro de vías e obras- trasladou a residencia para Vigo. Fai poesía, que se publica na prensa, e afíliase a Izquierda Republicana. O seu marido é destinado a Parada, unha das parroquias do concello da Caniza, e é entón cando decide entrar no eido da política: preséntase nas eleccións municipais do 16 de febreiro de 1936 polo partido de Azaña e, como queda dito, o seguinte 14 de marzo convértese na primeira muller alcaldesa da historia de Galicia.

A súa vida troca do branco ao negro dende o 18 de xullo de 1936. Os sublevados entran o 21 na vila sen resistencia, ordenan a detención da alcaldesa que ingresa no cárcere de Ribadavia, de onde a levan primeiro ao de Vigo e logo ao de Tui. Será na cidade olívica onde teña lugar o 10 de outubro o consello de guerra contra ela e 22 veciños do mesmo concello, ditándose cinco penas capitais, entre elas a de María, por rebelión militar, das que se cumpren catro o 31 de outubro, conmutándose as demais por cadea perpetua, entre as que está a alcaldesa. Mentres o seu marido fica preso no campo de concentración da illa de San Simón.

É trasladada á prisión de mulleres de Saturrarán (Guipúscoa), onde ten por compañeiras, entre outras, a Isabel Ríos Lazcano (funcionara de Facenda, o seu marido fora executado, autora do libro Testimonio de la Guerra Civil), Josefa García Segret (mestra, o home, tamén mestre, foi paseado en Mondariz, autora de ¡Abajo las dictaduras!), a viguesa Urania (filla do libertario Ricardo Mella, fusilaran o marido e os fillos foron entregados ás cuñadas falanxistas), Rosario Sánchez Mora (a Rosario Dinamitera de Miguel Hernández: Rosario, dinamitera,/ sobre tu mano bonita/ celaba la dinamita / sus atributos de fiera)...

María participa en diferentes actividades culturais para redimir pena ata que se lle conmuta a cadea perpetua por doce anos e un día. Xa libre, reside algún tempo en Ribadavia, pero remata por establecerse en Lugo cos seus fillos e, xunto con ela, tamén Urania, ante o rexeitamento que sofre por parte da familia do home, negándose a entregarlle os fillos. Nos últimos anos da vida, limpa dos antecedentes penais, foi enfermeira e recibiu varias condecoracións do Ministerio de Sanidade, pero sen abandonar nunca a súa afección literaria (poesía, guións radiofónicos, etc.), baixo o pseudónimo de Maruja de Córdoba.

A primeira alcaldesa da Caniza, e tamén galega, faleceu na cidade das murallas o 23 de febreiro de 1986.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS