Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Outra cousa non, pero ó pirata, piratón ou piratila somalí Adbu Willy xamais se lle poderán esquecer estes días nos que entrou en contacto coa civilización occidental e o coñecemento científico. Ten que estar pasmado, como o estarían os exploradores caídos en mans de tribos caníbales.
Resistiámonos a falar do bo de Cabdiweli Cabdullahi, alias Abdu Willy, pero xa non podemos máis. As declaracións dos pais fixéronnos rebentar de confusión sobre os nosos modernos métodos científicos para determinar a idade, pois se aquí estabamos calculando que os ósos de Abdu Willy o situaban entre as 17, 18 ou 19 primaveras, chega a súa nai, a señora Asho Mohamud Kheyre, e conclúe que o tivo en 1993 e que a criatura ten 16 anos. A unha nai esas cousas non se lle esquecen. Quizais por esa mesma razón esta peritaxe maternal tampouco sexa todo o fiable que cabería esperar, pois a señora Asho engade que non recorda se o parto sucedeu no mes de xuño ou no de xullo dese ano. Só sabe que empezaba por xu. Lóxico, entre a anestesia e as dores, non sabes nin en que día vives.
Do que non lle cabe dúbida ningunha é de que o seu fillo, teña a idade que teña, é un bandido que chegou a esta situación enganado polas mafias piratas, o cal non quere dicir que España teña que portarse con el da mesma forma, porque é un rapazolo de 16 abrís, aínda co BUP ás voltas.
Polos cálculos que se fan, as diferenzas penais entre unha situación e outra poderían chegar ós vinte e dous anos e ata ese punto é comprensible que ninguén se queira pillar os dedos. Pero o que tampouco parece de recibo é a trasfega que nos trouxemos con este homón anenado ou co neno medradiño. Catro idades distintas non se poden ter ao mesmo tempo e tres han de ser falsas á forza.
