Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 16.08.2019 Actualizado 13:34
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

Punto de inflexión

06.09.2010 
A- A+

Hai xusto tres anos, os últimos días de agosto de 2007, Iria Taibo, a secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, e quen isto subscribe, como presidente desta mesma entidade, realizamos varios encontros formais con entidades que actúan na normalización do éuscaro. Nunha apretada axenda, tivemos varias entrevistas de traballo cos responsábeis de proxectos en Kontseilua, o Consello de Organismos Sociais do Euskara, e tamén con algúns medios de comunicación que teñen esta milenaria lingua como ferramenta e vehículo. Martxelo Otamendi, director de Berria e do inxustamente desaparecido Egunkaria, guiounos unha desas tardes pola ampla redacción dese diario. Explicounos as serísimas dificultades polas que pasaron, o seu funcionamento no día a día e tamén algunhas das expectativas que tiñan cara ao futuro.

Cando saímos da xuntanza, Iria e eu conversamos sobre o que alí viramos e fixemos algunhas contas. Parecíanos moi claro. Traballaba máis xente na redacción dese único diario en éuscaro que a suma de todos os xornalistas que estaban en nómina de todos os medios de comunicación en galego. Nas nosas contas feitas rápido nun pano de papel incluiamos a ollo mesmo os servizos informativos da CRTVG, que xa é dicir. Se nalgún punto nos erramos e non son máis, non teño dúbida de que son case os mesmos.

Para se dar esa situación en Euskal Herria conxúganse varios factores. Por unha banda, unha sociedade cunha consciencia moitísimo máis asentada que aquí de que cómpre apoiar os proxectos que se desenvolven en favor da cultura propia. Penso que non se debe reducir tampouco a importancia dunha renda per cápita máis elevada, que permite que sexan factíbeis algúns proxectos por subscrición popular que aquí semellan inimaxinábeis.

Mais a diferenza crucial entre un e outro país é a existencia aló dunha política activa de fomento da lingua desde as institucións, que pasa tamén por ir consolidando un espazo propio de comunicación. Non me refiro unicamente ás accións que se poden desenvolver desde os gobernos autonómicos, senón tamén desde as deputacións e os concellos. Por seguir con comparacións para a reflexión, hai concellos con tantos habitantes como ten aquí Santa Uxía de Ribeira que contan cun orzamento para a normalización lingüística que é superior á suma do que destinan a este obxectivo as catro deputacións e as sete cidades galegas. Debo subliñar que é superior tanto en termos absolutos como porcentuais. Posto que hai persoas con sensibilidade declarada pola lingua e o país nestas nosas institucións, talvez vaia sendo tempo de que realicen unha mudanza profunda da política lingüística, que sirva tamén para defender desde unha acción institucional vigorosa o que está a destruír, cal Atila, o actual Goberno galego (que pouco lle acae este adxectivo de "galego", verdade?).

Punto de inflexión

"A Nosa Terra está na biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, que mantén vivas catro subscricións desde 1979, mais a Xunta e o

 

Parlamento galego cancelaron as súas nada máis estrear Alberto Núñez Feijóo a Presidencia de Galiza".

Estas declaracións realizounas esta mesma semana en varios medios de comunicación Afonso Eiré, presidente e conselleiro delegado do grupo editor do desaparecido (mais resucitábel) semanario.

O feche da edición impresa d"A Nosa Terra súmase á desaparición neste mesmo ano 2010 dos xornais electrónicos GzNación e Vieiros, este último con quince longos anos de experiencia ás súas costas. Outros medios como A Peneira encóntranse tamén ao borde do precipicio. Trátase en todos os casos de problemas económicos, ante os cales a Xunta actuou coa desatención máis absoluta. Si, talvez sexa morno de máis ao falar de "desatención", cando na realidade a actitude da Xunta de Núñez Feijóo é dunha agresividade manifesta.

Aí está o caso das subscricións que se dan de baixa da noite para a mañá (mentres se multiplican as dos medios afíns ao partido gobernante), a eliminación ou redución á mínima expresión da publicidade institucional, a discriminación nos convenios e axudas públicas, o pirateo de ideas (como lle aconteceu a Vieiros no caso A polo ghit)... Hai, en fin, un propósito claro de destrución dos medios de comunicación na nosa lingua.

Debemos sumar a esta situación de redución de cabeceiras no noso idioma a multiplicación exponencial a través da TDT de medios de comunicación en castelán. Varios deles, ademais, son portavoces dun extremismo españolista propio da época do NODO. A CRTVG, que podería ser un oasis para a nosa lingua e cultura, encóntrase, no entanto, nunha planificada depauperación gobernamental.

Así, sen tremendismos nin catastrofismos de ningunha clase, debemos recoñecer que estamos a pasar por unha situación de singular gravidade. Nunca nestes 30 anos de Estado das Autonomías o catalán ou o éuscaro pasaron por un momento semellante de desaparición, como nun dominó, de varios dos seus principais referentes informativos na súa lingua.

Mais non escribo estas liñas para queixarme nin para facermos terapia de grupo. Cómpre que estes problemas sirvan como punto de inflexión para a toma de accións colectivas. Por exemplo:

1) Mantermos unha liña de protesta pública para que cesen as actitudes belixerantes da Xunta contra os medios de comunicación que utilizan o galego.

2) Reclamarmos que as axudas para o uso da lingua propia que convoca anualmente o Goberno galego sirvan para ese fin.

3) Demandarmos a todas as institucións (tamén concellos e deputacións) que revisen a súa política lingüística, dotándoa de maior forza e acción social.

4) Individualmente, darlle soporte aos medios de comunicación que utilizan o noso idioma: subscribíndonos, dándolles visitas na rede, difundíndoos...

Eu, a partir de agora, vou preguntar nas cafetarías e nos restaurantes se teñen por aí o Galicia Hoxe. Xa sei que un gran non fai graneiro, mais...

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS