Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 22.08.2019 Actualizado 13:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

POR NAVEGAR AO DESVÍO

CARLOS CALLÓN

Os radicais de Walpurguis

09.05.2011 
A- A+

Reproduzo a continuación a primeira parte da miña intervención no acto de Queremos Galego do pasado sábado 30 de abril. Este evento serviu para impulsarmos as mobilizacións que a plataforma vai desenvolver o día 17 de maio ao mediodía en moitos concellos do país. Agora mesmo hai xa trinta e dúas concentracións confirmadas, mais nas próximas horas vanse anunciar un feixe delas máis, así que o mellor xeito de obter a información actualizada e exacta é a través dos espazos web da plataforma Queremos Galego ou da Mesa pola Normalización Lingüística.

Queremos galego!

Moi boa noite xa, compañeiras e compañeiros. Moitas grazas a todas e todos por estardes aquí e moitas grazas tamén a todas as persoas que fixeron posíbel este acto.

Desde a plataforma Queremos Galego pedíronme que dirixise unhas palabras para facer unha valoración xeral do que foron estes dous anos de desgoberno por parte de Alberto Núñez Feijóo a respecto da nosa lingua.

Permitídeme que comece cunha cita un pouco áspera, porque é unha cita dun texto xurídico. Di este texto:

"A lingua propia de Galiza é o galego."

"Os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas [galego e o castelán] e potenciarán a utilización do galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativas, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento."

Podedes pensar que é un panfleto radical de Queremos Galego, que é un panfleto radical da Mesa pola Normalización Lingüística emitido nalgún momento de exacerbación destas ovellas (como nos cualificaban hai uns días estas entidades que alimentou o Partido Popular contra o noso idioma).

Mais nin tan sequera é un texto pertencente á proposición de lei de defensa dos dereitos lingüísticos, respaldada por 30.000 persoas, que o Partido Popular botou abaixo no Parlamento galego; realmente, botou abaixo a posibilidade do seu debate, xa nin tan sequera que se puidese emendar e chegar a acordos a este respecto.

O texto que acabo de ler, onde se sinala que o galego é lingua propia de Galiza, onde se sinala que é obriga dos poderes públicos en diferentes ámbitos (repito: da vida cultural, da vida pública, da vida informativa; de que disporán os poderes públicos os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento) pertence ao Estatuto de Autonomía. Un Estatuto que na actualidade é incríbel -é incríbel!- que teñamos que defender neses aspectos tan básicos, tan mínimos, como os que acabo de citar.

Mais desde a plataforma Queremos Galego non imos calar. Este acto é un bo exemplo. É un acto que nos serve para tomarmos enerxías, sen lugar a dúbidas.

Non sei como no plenario de Queremos Galego decidimos no seu momento o 30 de abril para esta xornada. Non sei se sabedes que hoxe, en boa parte de Europa, é a noite de Walpurguis ou Valpurga, unha noite en que din que se congregan as bruxas... Estráñame que os medios da caverna mediática non dixesen xa algo sobre o que podemos estar a facer nós hoxe aquí, reunidos na sala Capitol de Santiago de Compostela.

A de Walpurguis ou de Valpurga é tamén unha noite onde se axunta a xente para esconxurar os males de ollo, para esconxurar os maos agoiros. E nós queremos esconxurar os maos agoiros para a lingua galega.

Igual que foi tamén un grande axuntamento hai vinte e cinco anos -como moi ben recordaba antes Pilar García Negro, con máis memoria ca min do que pasou alí, eu non estaba-; hai vinte e cinco anos, digo, reuníanse tamén cincocentas persoas -hoxe estamos algunhas e algúns máis- para crearen A Mesa pola Normalización Lingüística. Entre esas persoas, estaba nesa xornada, efectivamente, Ricardo Carvalho Calero, do cal estamos orgullosas e orgullosos de saber que foi un dos fundadores da nosa entidade.

Estaba tamén alí Manuel María, ese noso escritor nacional, ese noso poeta nacional, que nos congrega hoxe con ese verso: "O idioma é a chave coa que abrimos o mundo", "O galego é a chave coa que abrimos o mundo".

A Mesa pola Normalización Lingüística continúa hoxe -con dificultades, é certo-, mais xa é unha noticia que vinte e cinco anos despois nos manteñamos aquí de forma ininterrompida. Prefeririamos, é ben certo, dentro de vinte e cinco anos non facer falta. Mais, se fixermos falta, penso que imos estar todas e todos, verdade? Con forza! E esta ferramenta colectiva continúa a pesar das difamacións, que non son poucas. A verdade é que os sambenitos que levamos enriba son propios totalmente da noite de Walpurguis.

Recordaba antes Ernesto Chao o que está a padecer toda a vida cultural galega. Utilizo este substantivo á mantenta, porque é toda a vida cultural galega a que pretenden desprotexer e destruír.

A Mesa pola Normalización Lingüística, que a día de hoxe é a maior asociación cultural de Galiza -se aínda non estades, facedes falta, teño que dicilo-, recibe a calafriante cantidade de cero céntimos de axuda anual por parte do Goberno galego. É que xa lles é demasiado o que teñen para o espectáculo de Sancho Gracia! É demasiado o que teñen para o Bieito dezaseis, Galiza cero, como antes dicía Roberto Sobrado! É demasiado o que teñen por exemplo para tiraren libros de texto polo único motivo de que estaban escritos en galego! Dous millóns trescentos mil euros en libros de texto que ordenaron tirar porque estaban escritos na nosa lingua!

Quero salientalo -que me corrixan se non as profesoras e profesores aquí presentes-: eses libros de texto non os mandaron tirar polo feito de que cambiasen os temarios, non os ordenaron tirar porque tivesen algún erro pedagóxico... O único que tiñan é que estaban escritos no noso idioma. Como se fose a tinta de Jorge de Burgos, o antigo bibliotecario d"O nome da rosa. E non conto máis para non desvelarvos o final..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS