Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 25.09.2018 Actualizado 12:26
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Recantos de Burgos nos debuxos de Xaime Prada

02.06.2007 
A- A+

Ten reservado Xaime Prada Losada (Vilamartín de Valdeorras, 1891-Madrid, 1966) un lugar sobranceiro dentro do universo da cultura galega como creador artístico, pintor, ilustrador, gravador... ao abeiro doutros nomes non menos importantes como son, entre outros, Luís Seoane, Castelao, Maruxa Mallo, Castro Arines, Díaz Baliño, Federico Ribas, Manuel Méndez e Cándido Fernández Mazas, personalidades do eido da pintura e da ilustración que, nalgún caso, coincidirían co ourensán en diferentes proxectos, publicacións periódicas e empresas culturais como Céltiga, La Esfera, Nós, Vida Gallega, La Zarpa...

Hai uns anos, Ediciós do Castro retornou sobre a súa figura e obra con dous libros: unha monografía de Clodio Sánchez e unha reedición facsímile do seu álbum de gravados que serviron para coñecermos mellor a realidade persoal e creadora deste ourensán que se circunscribe arredor daquel universo cultural da revista Nós e os seus impulsores, as vangardas artísticas e Ourense, a Auria universal que tanta importancia tería ao longo de décadas.

Xaime Prada foi estudante de dereito e medicina (que non remataría) en Compostela e axiña procurou na expresión plástica unha canle de expresión que o levou pola xilografía, o trazo expresionista, o gravado... Viaxou a París por volta de 1920 e dous anos despois, e case ao longo dunha década, residirá en Burgos onde salienta como principal colaborador gráfico (ademais de escritor) da revista Parábola, (reeditada no 2004 por Ignacio Fernández e Juan Carlos Estébanez) unha publicación de vangarda editada entre 1923 e 1928, de creación artística, singular e irrepetible, segundo os estudosos da publicación. O seu creador e principal valedor fora Eduardo de Ontañón (o escritor a quen Xaime Prada se vencellou como amigo e ilustrador de varios dos seus libros) que soubo xuntar ao seu redor un grupo de creadores que arelaban un espazo para a beleza, a estética e a creación. Entre aqueles nomes estaban: Francisco Ayala, Gerardo Diego, García Lorca, Maruxa Mallo, Concha Méndez, Pedro Salinas... Arredor daquela empresa cultural, (unha de tantas que aparecen no ámbito peninsular naqueles anos de cambios e transformacións culturais e estéticas en Europa) vería a luz este fermoso Cartones de Burgos, no ano 1930, baixo o selo editorial da revista, un traballo o desta carpeta que repetiría na estrutura de composición a mesma que Xaime Prada utilizara poucos anos antes, 1927, para realizar a de linóleums dentro da editorial Nós. Estes Cartones de Burgos, segundo consta nunha "advertencia editorial" proxectáranse, co mesmo título, para a súa publicación coincidindo coa orixe da revista Parábola arredor de 1923... Sete anos despois, recollíanse as mesmas viñetas e comentarios que agora leva na presente edición.

Trinta páxinas, sen numeración, nas que Prada (que asina XP) amosa a toda plana algúns espazos, recantos, rúas e arquitectura ás que Ontañón pon letra e expresión literaria. Son, como se di nas verbas limiares, trazos dunha cidade que van máis aló do turístico par centrarse nos cartóns de debuxante, de nota en caderno de cronista. Un libro dirixido ao pequeno observador que desexa exprimir as pedras morenas da cidade para enxergar e contemplar doutro xeito os lugares que se amosan agora.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS