Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

VENTOS ÁBREGOS

AVELINO ABUÍN DE TEMBRA

Reclamación de Dodro

05.05.2008 
A- A+

V igo, de Santa María de Dodro, debeu ser unha aldea preciosa e coruscante. Alí estivo, en tempos, a casa do Concello. En Vigo había un pazo dos señores marqueses de Bendaña, cinguido por un bosque de piñeiros e carballos que aínda se recorda na inmediata posguerra civil. O carácter aristócrata de Dodro prolongábase polos Laíños co pazo de Tarrío, que pertenceu aos Ballesteros ata finais do século XIX, e coa casona dos Aguirres, en Imo, na que morou o poeta Luis Aguirre del Río e o seu sobriño Sixto Aguirre ata 1936. En agosto de 1936 foi paseado con Camilo Díaz Baliño e executado en Palas de Rei, nun dos crimes máis execrables que se deron na xeografía de Galicia nos primeiros días do fratricidio.

Por Vigo baixaba tamén o río de San Lufo, o río de San Lobo. Tiña poderes taumatúrxicos. Desde que construíron a estrada C-550 esta terra foi perdendo encanto.

O pazo de Bendaña, na aldea de V igo, era moi fermoso. Atribúenlle a creación a Marcos Fandiño. Destacaba o torreón, de planta rectangular que o presidía, sobre o patio de honra das casas que o rodeaban. Era unha valiosa mostra do barroco galego, en concreto compostelán. Tiña unha preciosa balconada que corría ao longo da fachada á altura do primeiro andar. Tiña gárgolas nas catro esquinas e un escudo historiado baixo o beiril. Cinco pedras armeiras divididas en seis cuarteis: unha flor de lis, orixinaria dos Florín, unha especie de reixa que substituía os xaqueis da casa Valladares, unha torre con dous leóns, dez lanzas flanqueando o piñeiro dos Caamaños, as faixas dos Riberas e a serea nadando nas ondas dos Mariños de Lobeira. Os Bendañas tamén estaban emparentados cos Moscosos, cos Ulloas, cos Soutomaiores e cos Romais. As vicisitudes do pazo de Vigo, que por algunha razón que se me escapa se chamou ocasionalmente Santa Baia de Vigo, foron o lazo de unión entre as familias de máis prosapia de Galicia.

Na década de 1940, un gobernador da Coruña de quen non quero lembrarme, quixo ofrecerlle a Franco un agasallo da provincia. Pensou no pazo de Meirás e para o reconstruír, desmantelou Vigo pedra por pedra, para montar en Meirás os seus máis nobres elementos. As pedras permaneceron nunha morea durante anos. Un acordo do propio municipio de Dodro ofreceulle ao déspota, non só os alicerces arquitectónicos, senón a propiedade completa da casa de Bendaña (as novas armas do Concello de Dodro ostentan un piñeiro porque o título do marquesado foi parar aos Piñeyro Ulloa a partir do segundo marqués). Como en tantos sitios, Dodro estivo gobernado durante a ditadura por alcaldes fascistas ou proclives. Esta terra quedou inanimada, estremecida, atordada de medos e arrepíos.

Agora si. Dodro inicia a reclamación das pedras de Meirás. Eu apoio, entusiasmado e fervoroso, esa reclamación. É unha actitude romántica e quixotesca: nunca máis as pedras do pazo de Bendaña volverán a Vigo, pero queda como testemuño de protesta. Dodro: seis mil habitantes sen máis futuro que a rutina. Na década de 1940, cando se apropiaron do pazo de Vigo, Dodro foi unha espesa capa de silencio. Ninguén alzou a voz.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS