Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 27.01.2020 Actualizado 20:37
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

Ventos ábregos

AVELINO ABUÍN DE TEMBRA

Reino vs Nación

04.12.2006 
A- A+

Por aí, por algún lado remoto do país xorde a voz de reino como substituto de nación. Reino que arrinque das raíces históricas e Nación como acto de nacer consecutivamente, día e hora. No tempo en que se delibera sobre o Estatuto e antes de que se encerelle para sempre, proponse a denominación de Reino de Galicia para a consideración preliminar. O Reino de Galicia é unha verdade que ninguén poderá cuestionar. Pódese incluso puntualizar que o Rei de España haberá ser tamén Rei de Galicia. De paso que reforman a Constitución, reformarán tamén o lábaro español colocando nel unha cuncha de vieira, a arca marmórica ou a torre de Hércules. Polo visto, xa a tivo nos séculos escuros. Calquera símbolo que recorde o sacrificio de Pardo de Cela ou Pedro Madruga e incluso de Álvaro Cunqueiro, meu señor.

Contrapoñer Reino versus Nación é unha entelequia. Unha hipocrisía. Galicia foi un Reino, efectivamente, pero un Reino dependente. Un Reino sufragáneo de Asturias, León e Castela. Agás o período do rei García, que morreu no cárcere con honras de rei, Galicia nunca quixo ser reino. En todo caso, queda lonxe na historia. Creo lembrar que esa denominación tamén foi proposta para Valencia e rexeitada a cambio de País Valenciano, primeiro, e Comunidade Valenciana despois. Un fracaso. O compromiso de Reino non entusiasma a ninguén. Témese mesmo que unha mañá o equilibrio real se rompa e sexamos despois taifas federais, que é ao que aspiran os próceres gobernantes.

¿Por que aparece agora o Reino na escatoloxía estatutaria? (¡Ollo: escatoloxía, ciencia teolóxica que estuda as derradeiras cousas, o destino final do home e do universo). Iso como alternativa á posibilidade case absoluta de non admitiren o termo Nación. Tal como están as cousas enguedelladas, envurulladas, ensarilladas, calquera solución que nos distinga, eleve e realce por enriba de todas as demais autonomías, a solución de Reino sería aceptable. Porque Nazón de Breogán é un folclorismo de tal índole, que se apunta a idea de lle chamar Nazón dos rumorosos, Nazón da costa verdecente, Nazón do raio transparente... Pondal quedaría satisfeito.

Queridos amigos: Galicia é unha Nación. Seguirá sendo unha Nación sexa cal sexa a solución final. Todo o que non diga Nación, será un apostema e adipose. De pronto, o señor presidente do Consello de Cultura recapacita e proclama ben alto: 1. A identidade de Galicia e o sentimento de país é máis forte en Galicia que en calquera outra autonomía, ¡ai!, pero sen a expresión política correspondente. 2. A referencia Nación de Breogán foi como unha ilustración e non como definición. Nación de Breogán é unha descrición do problema, pero non é a definición de Galicia. 3. Galicia posúe unha sensibilidade nacional na que ten moito máis peso o ámbito de país que o de concienciación política. O señor catedrático desprega as velas, pero non se decide a navegar por mares limpos, abertos e libres de Nación.

Anuncio desde aquí que no preámbulo estatutario figurará "Nazón de Breogán". Así, entre aspas, tal cal. O desencanto será mortífero. A desilusión, letal.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS