Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 20.10.2017 Actualizado 13:07
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Opinión

O RODicio do tempo

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ

O retablo de Belvís

06.11.2010 
A- A+

Entre os pasados días 25 e 28, ambos os dous inclusive, desenvolveuse no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra o IX Memorial Filgueira Valverde, dedicado este ano ao retablo de Belvís e á arte e á cultura do seu tempo en Galicia. No mesmo interviñeron: Fernando Gutiérrez Baños (O retablo de Belvís e a pintura sobre táboa de estilo gótico lineal), Carmen Manso Porto (Arquitectura mendicante en Galicia ó redor de 1400: patróns, mecenas, tipoloxías constructivas e estilos artísticos), Rocío Sánchez Ameijeiras (Rosa de rosas, flor das flores: devocións e imaxes marianas na Galicia de contra 1400), e Ramón Mariño Paz (A lingua galega nas vésperas do solpor medieval).

Elixiuse este tema monográfico debido a que dende o pasado mes de marzo campa nunha das salas o retablo de Belvís, unha peza única en Galicia, depositada no Museo pola familia propietaria, á que é de agradecer tan xentil xesto. Aproveitouse deste xeito para darlle a benvida a unha obra que estivo non se sabe dende cando, pero é de supoñer que dende que se pinta a finais do século XIV, no mosteiro compostelán de monxas dominicas de Belvís, e da que dende 1944 ninguén sabía do seu paradoiro.

Unha das últimas veces que se viu en público foi na Exposición Rexional Galega de 1909, polo que se trata dunha peza moi cobizada polos estudosos e amantes da arte en xeral. Ademais, como se pode comprobar se se comparan dúas fotografías, unha daquela época e outra actual, grazas a un minucioso labor de restauración descubriuse que a táboa foi repintada quizais no século XVI ou no seguinte, ao tempo que se traducían os textos ao castelán. Agora pódense ler outra vez en galego, como eran orixinalmente.As obras pictóricas sobre madeira que se conservan do gótico lineal son escasísimas, e, nos máis dos casos, só restos ou escenas soltas, pero non os retablos completos. Ao de Belvís, no que se representa o martirio de San Acacio e compañeiros, pode faltarlle a parte inferior, que correspondería á crucifixión. De tal parecer é o primeiro que o estudou polo miúdo, o profesor da Universidade de Valladolid Fernando Gutiérrez Baños (El retablo de San Acacio y los diez mil mártires del monte Ararat: un incunable de la pintura gallega).

O noso clima húmido non é axeitado para a conservación de obras de madeira (este retablo está pintado sobre tres táboas de carballo), de aí que chegase ata os nosos días como peza única. Pero, malia que as condicións sexan mellores, nas terras da Meseta tamén son escasas, debido a que se foron substituíndo por outras máis realistas a partir do Renacemento, cando deixa de gustar o deseño lineal con cores vivas, case sen matices. Algunhas salváronse ao seren repintalas, xa conservando o mesmo tema e disposición, como é o caso da de Belvís, ou non máis que aproveitando a madeira para outra escena distinta, por debaixo da que se descobre agora a primitiva.

Benvido sexa de novo este retablo a Galicia, de onde nunca debeu saír, quizais obra dun obradoiro compostelán, pero de seguro que galego, testemuñado polos textos na nosa lingua que contan o fantástico martirio de San Acacio e os dez mil mártires do monte Ararat..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS