Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

ESTRAÑOS, RAROS E ESQUECIDOS

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Revoeira de historias e verbas de Xosé Núñez Búa

01.07.2006 
A- A+

Natural de Pontevedra onde naceu no ano 1897, Xosé Núñez Búa (pedagogo, escritor e impulsor de non poucas iniciativas culturais) pertence ao numeroso grupo de intelectuais galegos que viviron unha parte esencial do seu periplo vital e do seu desenvolvemento literario nas terras americanas, espazos que o acolleron e onde morrería no ano 1981 (A Plata, Arxentina). A súa vida en América transcorreu á par dun importante grupo de intelectuais que estaba alí polas mesmas razóns derivadas do exilio político: Lorenzo Varela, Castelao e Alonso Ríos (con quen compartiu as páxinas de Galeuzca dende a súa fundación no ano 1945), o fotógrafo Xosé Suárez e Luís Seoane con quen fundaría no ano 1937 o semanario Galicia libre. Traballos sobre Feixoo e Sarmiento (Universidade da Plata) ou arredor das linguas vernáculas no ensino, que editaría a Unesco no ano 1954, compoñen unha parte do seu quefacer e interese.

Nos anos xuvenís, Núñez Búa (licenciado en dereito pola Universidade compostelá) formou parte do Seminario de Estudos Galegos, entidade cultural de gran proxección cultural así como do Partido Galeguista, movemento e organización política do que sería un dos seus membros fundadores.

No ano de inicio da guerra, Núñez Búa impartía docencia no colexio Labor de Vigo ademais de compaxinar este labor co de concelleiro e vicepresidente da Deputación de Pontevedra. O comezo da contenda bélica provocou a súa marcha cara a América e, na Arxentina, formaría parte do amplo e fundamental grupo de intelectuais que ao abeiro da República e o galeguismo manterían acesa a chama da culura galega en todos os ámbitos. Todo ese labor que se desenvolvería ao longo de moitas décadas tamén serviu para traballar a prol da recuperación económica e política do seu país. Unha daquelas múltiples iniciativas foi a da creación do Laboratorio de Formas que, aínda contando a Seoane e Díaz Pardo como alicerces, tamén congregou, nas conversas mantidas por volta do ano 1963, a Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Antonio Baltar, Blanco-Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado, Alberto Vilanova e o propio Núñez Búa. El sería coordinador do Instituto Arxentino de Cultura Galega (Universidade da Plata) e entre os seus escritos destaca aquel Vida e paixón de Castelao, editado no ano 1950 coincidindo co pasamento do rianxeiro (e reeditado no ano 1986) e a Escolma de textos con Galiza ao fondo.

Este Revoeira (homes, feitos, verbas que conforman as historias, anécdotas e vivencias de numerosas persoas, escritas entre a retranca, o humorismo e a paixón da terra) apareceu editado baixo o selo do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1971) cun prólogo de Eduardo Blanco Amor, unha cuberta de César López Osorio e cunhas verbas limiares do autor, datadas na Arxentina nese mesmo ano, nas que explica a esencia dos breves e heteroxéneos comentarios que se inclúen nas duascentas páxinas posteriores: "Os aconteceres, feitos, ditos, circunstancias aneidóticas recollidas niste libriño non son de por si tracendentes pra co iles enxergar o que é o caráiter galego, comprexo e con alicerces tanto ou máis fondos que os de calisquera outro dos pobos que integran a ricaz polifonía cultural española". Obra dun estudoso das persoas e cousas propias como afirma Blanco Amor, que define esta revoeira como unha parabiografía, bocetos nos que a anécdota serve de claroescuro, o que dá "máis intuitiva verosimilitude ó suxeito conxeturado que a rectidume -sempre equívoca- do retrato".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS