Santiago de Compostela, capital literaria por excelencia e cidade declarada pola Unesco “Patrimonio da Humanidade”, volveu a se converter por obra e graza do Pen Clube de Galicia en centro literario internacional de amplo espectro e alta representación. E hai que recoñecer aquí, unha vez máis, a gran capacidade de organización do Pen Clube galego, que a través do I Encontro Internacional de Escritores ‘De pedra e de palabra: Europa e Iberoamérica’ soubo concentrar en Santiago a máis de 50 autores galegos, europeos e iberoamericanos nun proxecto que ten como meta inmediata sinalar e celebrar a capital de Galicia como unha das cidades literarias do mundo. Estiveron entre nós Nélida Piñón, Antonio Skármeta, José Emilio Pacheco, Lasse Söderberg, Ana María Matute e René Arrieta, entre outros, xunto a grandes poetas e escritores galegos como Arcadio López-Casanova, Manuel Rivas, Xavier Seoane, Alfredo Conde e Xosé Luís Méndez Ferrín; e eu ben que sentín non poder saudar e abrazar a amigos como David Castillo, Juan Carlos Mestre, Alfredo Pérez Alencart, o hispanista e poeta sueco Lasse Söderberg e, como non, a Filipa Leal, espléndida voz persoal e poética portuguesa que eu lembro ben lembrada nun Festival de Poesía de Aveiro. Dixo Luís González Tosar, con acerto, que o primeiro e principal obxectivo deste Encontro compostelán se centraba en intentar que a nosa literatura transcenda cara a fóra, e isto a través do diálogo. Diálogo tanto no plano humano como no plano literario. Fusión de ambos. Santiago de Compostela –un leva anos afirmando isto– está chamada a se converter nunha gran capital iberoamericana e europea da cultura. Galicia, e en particular Santiago (o noso nome máis internacional) –e isto tamén é unha teima de Auliga (Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia)–, ten que actuar como “ponte” entre España, Europa e América. O noso país ten que ser vangarda cultural e literaria nese gran diálogo aínda por establecer. Beizóns ao Pen Clube por tirar nesa dirección. Sigamos.