Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 21.11.2019 Actualizado 20:43
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

intrahistorias

por DIEGO E. BARROS

Seis días de novembro (Uno de los nuestros)

24.11.2008 
A- A+

Bernardo Rodríguez / efe

FOTO: Bernardo Rodríguez / efe

Din que Álvaro Ussía, de 18 anos, era un bo rapaz, que estaba comezando a súa vida, e que era "a luz" dos seus familiares e amigos. Todos os mortos adoitan -collamos esta licenza xeneralista-, iluminar a vida dos seus seres máis achegados pero xa sabemos que non hai que escatimar o titular fácil en momentos de grandes emocións.

O seu foi mala sorte, acabar debaixo do xeonllo dun porteiro ou non se sabe que, xa que o único seguro é que era un matón de noite, outro de tantos, e acabar finando unha madrugada na escalinata dun local de copas madrileño, xusto o contrario do que se presupón na noite madrileña, aínda que saibamos que "Madrid me mata" como dicía o lema da movida. E a partir de aí o escándalo, a indignación cidadá, a solidaridade, e tamén o circo. Porque isto é o que, debaixo dos grandes titulares dos medios, se viu nos pasados seis días de novembro.

Non sorprende xa que as autoridades teñan a curiosa manía de responder, como o cadelo de Paulov, ao xogo de estímulo-resposta. Non sorprende, digo, que os responsables da cousa pública tendan cada vez máis a actuar baixo o brillo dos focos e a golpe de grandes conmocións sociais. O que sorprende, no caso do malogrado Álvaro, é o celo que teñen amosado as mesmas autoridades de Madrid coa súa presidenta-raíña, Esperanza Aguirre, e o seu alcalde-príncipe, Alberto R. Gallardón, á cabeza na última semana.

A Álvaro matárono, ou morreu, o sábado pasado, pero a lista de vítimas a mans de seguratas de noite comezou en Barcelona en 2002 coa morte dun mozo ecuatoriano ao que varios destes animais mallaron e acabaron tirando ao porto de Barcelona. O "crime do Maremágnum", foi titulado polas cabeceiras catalás. Como agora, a Generalitat tivo que cheirar o sangue para mover ficha na complexa maquinaria lexislativa. Levoulle uns meses pero Cataluña era, até o momento, a única comunidade de España cunha lexislación de control sobre controladores de acceso, que para todo hai nome.

O 6 de xaneiro pasado, en Alcorcón Tarik Bourriafa, de 26 anos foi acoitelado de morte por catro porteiros. En abril, outro magrebí, de 19 anos correu a mesma sorte en Fuenlabrada. Álvaro só foi o terceiro deste ano. Pero non un máis. Como Gallardón e Aguirre se ocuparon de lle amosar a España enteira, Álvaro era, como se dunha película da mafia se tratara, uno de los nuestros. Nin Scorssese o definiría mellor que os responsables madrileños, estragados pola dor, acompañando os traxados compañeiros de Álvaro en innumerables recepcións, actos e homenaxes, este, digo, nin sequera tiña a cualidade de non ser estranxeiro, senón que era alumno de los colegios a los que van nuestro hijos y, por tanto, de nuestra sociedad.

Non hai nada mellor que ameazar o poder para ollar a súa desapiadada e rápida resposta. E non foi por avisos previos. O Balcón de Rosales, edificio propiedade do Concello de Madrid, isto é, de todos os madrileños, acumulaba 47 denuncias. Unha pena que ningunha delas tivera como protagonista a uno de los nuestros. Só bastaron seis días para que a resposta do poder tomara forma, despois de anos de teas de araña, nun decreto regulador. E ollo. Xa van catro locais pechados esta fin de semana, entre eles, míticos da noite capitalina como La Rieviera.

As nais e amigos de Tarik e o seu compatriota aínda agardan o consolo da esperanza. Dicía miña avoa, nada sospeitosa de materialista dialéctica, que, mal que nos pese, aínda quedan clases. Álvaro acabou por demostralo.

despina@galicia-hoxe.com

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS