Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

catro a catro

XOSÉ MANUEL BEIRAS

"There are several ways to love Galiza", ou "Hai varios gheitos de amar a Ghalicia" ou "La maté porque era mía"

23.05.2010 
A- A+

Non é que vaia ensaiar hoxe a peripecia saltimbanqui de escribir a miña prédica dominical en trilingüismo harmónico. Inda que ben poidera ser. Primeiro, porque á miña xeración cadroulle ter que aturar catro décadas de franquismo e que aprender a camiñar na corda frouxa da loita clandestina ao longo das últimas duas desas catro sen esfragarse na toxeira fascista -de xeito que, pesia que os músculos e os artellos do meu corpo xa non son o que foran, aínda seguen a estar adestrados abondo para outra travesía funambulesca duns poucos anos máis de franquismo-sen-franco desta volta. Segundo, porque, a diferencia dos bífidos galegófobos -e se cadra a resultas desa dura aprendizaxe existencial nosa da conquista da liberdade e do coñecemento na resistencia á tiranía e á barbarie- @s galeg@s da miña xeración tivemos que aprender algún idioma máis ca o noso proprio e xenuino -ou sexa, da nosa "gens". O español, "of course", na escola onde o noso estaba excluído e era causa de asaño e castigo ter o despiste de falalo, ou sexa, de non traducirmos o pensamento. Pero sobre todo tivo que aprendelo a imensa maioría -labregos, mariñeiros e operários- para o trato "en cristiano" co señorito, o patrón, o xuíz, o inspector de facenda ou policía e demáis corte celestial desta paradisíaca colonia celtibérica. E o inglés -ou alemán ou francés- na emigración a Europa, claro está, ou qué pensabas, que esa e non outra foi a formación profisional e o curriculum laboral de un de cada tres galeg@s moz@s de cando eu novo -agás o caso duns pouquiños privilexiados coma min mesmo que nos fomos á ventura de estudantes nómadas alén-pirineus coma os "goliardos" de antano. Que manda truco que agora lle veñan coa andrómena do trilingüismo a un povo no que a xente do común do meu tempo xa foi trilingüe ou mesmo tetralingüe á forza, e ben sabe o que é iso: ter que aprender idiomas que non son o seu pra lles falar en cadansua lingua aos amos de acó e de aló, de dentro e de fóra, que os amos nunca se rebaixan a aprenderen o dialecto dos servos, faltaría máis, falaren os señoritos a "lingua proletaria do meu povo", que dixera o Celso e arrepuxéranselle os ananos todos do país, como fan os de agora, vade retro. Inda lembro o día en que me dirixín en francés a Rajoy dende a tribuna do Parlamento de Fonseca, farto de que a il non lle dese a gana de falar galego. Si, a Rajoy, que fora vice da Xunta de Albor nos seus derradeiros estertores -políticos. Encetei o meu discurso en francés, até que o presidente da cámara me interrompíu pra me chamar a atención. Porque seica o vice podía non falar en galego, mais eu non. Ben o entenderan as xentes do común que logo me abordaban onde me vían e dicíanme "fixo moi ben, que se nós tivemos que aprender na emigración a fala do país onde iamos traballar a ver por qué non van ter iles que aprenderen aqui a nosa, que pra algo lles pagan, ou é que están na polìtica de balde...".

Así que, por poder, o que se di poder, ben podería eu facer eiquí saltimbanquismo trilingüe -sucesivo, iustaposto ou simultáneo, segundo quixesen os pais dos escolinos governantes. Porque aprender aprendin inglés, que a min non me pariron no soberbio cimo duns peares nen dun trono imperial, senón que nacín nunha familia do común compostelán sensíbel á cultura dos diversos povos, do proprio e máis dos outros, os que ollaba transitar pola Rúa do Vilar da miña infancia camiño das Praterías. E pesia que o teño un tanto enferruxado por infrecuente uso e o moito que eiqui chove, inda podo botar unha parrafada escrita sen demasiados erros nen que se perda o fío do que pretenda dicir, e en último recurso podería calcar un anaco calquera escolmado de Huxley, Poe ou Faulkner, por caso, a gusto do consumidor, sen que os pais dos governantes se decatasen de que non era meu. E en español, cando o emprego cos habitantes monolingües de Terra Ancha e outras bisbarras estranxeiras, adoitan dicir que o falo e escribo con decoro, millor que moitos diles, seica, e moito millor ca os pailáns de cidade colonizados de acó, que seguramente por iso reclaman que o milloren os seus vástagos, misión imposíbel onde as haxa por mor do imperativo xenético. E ademáis é un fermoso idioma cando se escribe ou se fala ben, como o escribe Delibes e o falan os seu paisanos campesinos -da Tierra de Campos, claro é. E emocióname nos ardentes sonetos de amor de Quevedo, que navegan no ronsel dos portugueses de Camõens, dos ingleses de Shakespeare, dos italiáns do Petrarca -e das cantigas de amor e de amigo dos nosos devanceiros galegos de aquén e alén Miño, ben antes de que a lírica en castelán fose inventada. Xa digo: por poder, ben podería. Só que non quero. Non son tan imbécil como pra teimar en escribir, sen necesidade, no meu país e praos meus paisáns, nun idioma que non sexa o meu, o seu e máis o diles, o deste povo que os romanos chamaron galego. Reiteraba Novoneyra que a sua patria era o seu idioma. Abofé que non era il só. Mesmo con levar decenios a vivir na Franza, dicía Cortázar, o incomensurábel Julio Cortázar, nunha entrevista que nunca esquencerei, cando un xornalista de aló lle perguntaba se algunha vez pensara en escribir en francés, que dominaba á perfeición, e é antolóxica unha sua tradución de Marguerite Yourcenar, dicía il que sempre seguiría a escribir na que era a sua lingua propria, en español, "o mejor dicho en argentino", pontualizaba -e tomen nota os españolitos "enragés", a empezar polos cipaios da brigada de limpeza étnica caseira.

De xeito que non é que vaia ensaiar eu hoxe eiquí o cómico trilingüismo pra badocos de vila podre. Non é debido a iso o rótulo trilingüe ou cousa así da miña prédica -e digo cousa así por mor do castrapo intercalado, o único modelo lingüistico que se me resiste. Non. É que "hay amores que matan" -en español. Díganllelo ás mulleres asasinadas, vítimas dunha aberrante manifestación machista de amor-odio levada ao paroxismo, que a cada pouco son noticia perante a impertérrita insensibilidade dun sistema socioinstitucional degradado. Cando un sumo pontífice do enguedello babélico enxebre declara que hai varias maneiras de amar a este recanto da fisterra europea, está a dicir, conscientemente ou non, unha obviedade. Pro mesmamente unha desas varias maneiras de amar, unha maneira perversa ela, éo a dos amores que matan. Son amores exacerbadamente posesivos, que cousifican ao ser -o "obxeto"- amado, que o convirten en propriedade feudal, en dominio do "señor de vidas y haciendas". Son amores negadores da alteridade. Son amores destrutivos, aniquiladores: amar ao país e, por amor, matarlle o idioma -matarlle a alma. Son amores patolóxicos, ao cabo. Certeiramente tipificados polo imaxinario popular en cadansua expresión cultural. Como naquela outrora ben famosa e tan castiza: "La maté porque era mía" -en español, claro está.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS