Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 26.04.2020 Actualizado 00:00
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

nove ondas

ROSA ANEIROS

A última vaca

01.08.2006 
A- A+

Había ducias de vacas varrendo cos seus rabos brancos as cunetas. Elas anunciábannos as horas da sesta e da muxida. Mirabámolas pasar a rentes da bicicleta como se fosen animais sagrados, deixándolles o camiño aberto para os prados onde adurmiñaban a tarde.

Só as sombras das vacas e das mulleres que as alindaban acariñaron a herba durante séculos. As vacas eran tótems, figuras respectadas nas casas e cada nome -Mora, Pinta, Branca- gardaba toda a forza de quen nomea algo propio, algo de dentro.

Pero sempre hai unha traizón. A primeira, a de ferver o leite. Foi canda un dos primeiros andazos que anunciaron os veterinarios. Daquela, deixei de beber leite frío, talvez por vinganza. Dubidaba de que aqueles animais tan queridos quixesen asasinarme e máis aínda que os envases do supermercado fosen máis seguros cás vacas da miña tía Lola.

Logo viñeron as outras traizóns, as da Europa das cotas lácteas. Comezaron a pagar por non producir e as vacas marcharon en camións de tratantes. Odiabamos aqueles vehículos porque viñan levar os becerros que miraramos nacer con tanta emoción pero, desta volta, levaron as nais tamén. Conducíronas todas a un lugar onde os nenos queren crer que non existe.

Agora en Taraza só queda unha vaca. A Paloma, que con tanto mimo coida Vicenta, permítenos seguir crendo no requeixo e no valor da terra. Logo de que Madrid propine outro duro golpe ao sector leiteiro galego pregúntome se a nosa última vaca continuará a varrer as cunetas co seu rabo branco ou marchará para sempre nun camión. Se a Paloma nos dirá adeus dende os ollos tristes de quen foi sagrado e agora converteron nun estorbo para chegar a ese lugar chamado estupidamente progreso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS