Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.06.2019 Actualizado 20:38
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

retallos dunha época

XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN

Un século sen López Ferreiro

14.04.2010 
A- A+

É imposible coñecer ben Galicia sen ler nada do que escribiu este erudito: bo galego, bo sacerdote, bo historiador e bo literato, digno por todo de perdurable lembranza, como di a placa da súa casa natal e como comeza o libro que publicou Alvarellos Editora, no centenario da morte de Antonio López Ferreiro, que coincide neste ano Xacobeo, Apuntes históricos sobre Santiago. Obra dispersa e olvidada, 1868-1903, edición e introdución de Xosé Ramón Fandiño.

Grazas aos seus máis de 100 artigos, traballos, e novelas históricas podemos pescudar e internarnos no noso pasado, na nosa cultura, na nosa xeografía, no noso patrimonio histórico, artístico e lingüístico. López Ferreiro abriunos a porta ao noso pasado, coa súa investigación, ao abrirnos tantas páxinas, fontes e documentos tan importantes e valiosos.

O primeiro que se salienta del nesa placa é a de ser un bo galego. Unha afirmación que resume o que foi, non só como recoñecemento ao seu magnífico e extraordinario labor intelectual, como investigador, historiador ou como novelista; senón como persoa e polo amor que lle tiña á súa terra, que demostrou, certamente, coa súa vida e coa súa obra. Un dos aspectos máis relevantes foi a súa concienciación, aposta e preocupación pola lingua galega. Interesado en que a nosa faliña fose estudada e cultivada con nocións filolóxicas, etimóloxicas e gramaticais. E, na actualidade, a súa casa natal alberga o Instituto da Lingua Galega, dándolle resposta ao seu degoiro.

Na súa carreira eclesiástica, foi un bo sacerdote, presbítero, sancristán maior, párroco catedrático de arqueoloxía sagrada no Seminario e cóengo. Un home cunha moi boa preparación teolóxica.

Torrente Ballester salientou del, porén, a súa condición carlista, no político, dicindo que cando se estuda e se xulga, adóitase esquecer, ben esquecido, que profesou de reaccionario e que sostivo doutrinas hoxe inadmisibles. A placa di, en terceiro lugar que foi un bo historiador. Filgueira Valverde escribiu que "viviu para a historia olvidada, e para a arte, descoñecida e maltratada, da súa cidade. Que escribiu con amor, con fervor, apaixonadamente, cum ira et cum studio. Que chegou a saber como ninguén a vida do seu pobo a través dos séculos e a revivila, coas mesmas palabras que en cada época se dirían en torno a cada suceso». Foi, sen dúbida, o mellor historiador galego e así o afirmou o sabio autor de Compostela y su Ángel. A súa achega á nosa historia , a súa importante e abundante obra dínolo todo.

E, finalmente, a placa di que foi un bo literato. Foi o narrador máis importante do Rexurdimento coas súas tres novela históricas, walterscottianas, escritas en galego, A tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre e O niño de pombas, referencias da nosa lingua e da nosa literatura das que se di que tiñan como finalidade da súa novelística a consolidación, a través da escrita literaria, dun conxunto de valores que servisen como base na construción da consciencia histórica do ser galego.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS