Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

Galiza Nova acaba de celebrar esta fin de semana a súa XI Asemblea Nacional baixo o lema Organizando a mocidade, loitando pola Patria Galega!, na que varios centos de mozas e mozos analizamos a realidade política nacional e internacional, a situación da mocidade en particular, así como as necesidades e os retos no eido organizativo.
Foron dous días marcados pola intensidade do debate, rico e plural como non podía ser doutro xeito, nos que a organización xuvenil do BNG se puxo a punto para encarar os vindeiros anos cun duplo obxectivo: ampliar a incidencia social da organización, apostando por unha GN actuante, e agrandar a propia organización, incorporando máis mozas e mozos ao proxecto emancipador, nacional e socialmente, que o nacionalismo galego representa para o noso país.
O resultado do conclave foi tremendamente positivo. Galiza Nova sae da Asemblea Nacional máis participativa dos seus 21 anos de historia, máis fortalecida e unificada, asentando a súa cohesión no recoñecemento da diversidade e da pluralidade que nela existe como unha vantaxe e non como un obstáculo.
As teses resultantes deste proceso, avaladas por unha amplísima maioría da militancia, e que se viron enriquecidas por numerosas emendas froito do debate, son a demostración concreta do éxito político que supuxo a XI asemblea. Nelas caracterízase con precisión o marco de crise sistémica que estamos a vivir, describindo con rigor as alternativas que en beneficio das clases populares están a agromar, ou a consolidarse, en moitas latitudes do mundo, nomeadamente en Latinoamérica. Faise nelas unha valoración do impacto positivo que tivo o goberno bipartito na Xunta en materia de política xuvenil, grazas á acción do BNG, e diagnostícanse con acerto as principais liñas de actuación do Partido Popular tras o seu regreso ao goberno galego, definindo claramente o nacionalismo galego como o proxecto alternativo e antitético ao PP tamén no eido xuvenil. Por outra banda, e como é lóxico, as teses inclúen unha detallada análise da situación da mocidade do noso país, e propoñen liñas de acción organizativa encamiñadas a engordar a base xuvenil, social e militante, do nacionalismo.
En síntese, e como ben dixo Guillerme Vázquez no acto de clausura: hai esperanza; e esa esperanza é a representada polo nacionalismo galego, da que Galiza Nova é un importante pulmón.
