Hemeroteca web
|
RSS
Xoves 17.05.2012
| Actualizado 02.02

É un político que sempre está co sorriso na boca e iso gústalle á xente en Italia...". Con humor e tamén con resignación tocada de certa tristura, dese xeito fala Paolo, alumno con beca Erasmus na Universidade de Santiago, sobre o masivo apoio que Silvio Berlusconi segue a ter en Italia por enriba do lixo de certos sucesos. Ese alumno da facultade de Xornalismo presentou hai unhas semanas un traballo sobre as tres canles públicas terrestres da RAI. Convidado polo profesor Fermín Galindo, alá que volvín á Universidade para seguir esa exposición do seminario de Televisión. Por partes. RAI 1, dixo, Paolo, ten unha grella para un público de target familiar onde obvian o festival de Eurovisión porque Italia case sempre foxe dese evento dende que Domenico Modugno rematou cun cero na edición de 1966; as imaxes mostradas retrataron unha tele vella, case anacrónica. RAI 2 é máis para xente nova, e ten moita serie estadounidense e un curioso espazo que mestura o deporte e os contidos propios dun magacín, formato levado por Simona Ventura, coñecida alá por presentar reality shows. RAI 3 é a xanela cultural, e nesa presentación do estudante italiano, tamén destacou por outro programa peculiar, un onde a información meteorolóxica convive con entrevistas a xente como Jodie Foster e persoeiros de sona similar. Nas tres canles, é común certa estética resesa (de ética non falou) pero hai outra coincidencia: Berlusconi manda e corta, chegou e cesou a xente como Adriano Celentano, Michele Santoro... sendo don Silvio tan activo que foi quen de entrar por telófono nun programa para intervir en vivo por desacordo cun tertuliano... ¡que país!
