Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 15.11.2018 Actualizado 21:14
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

JOAQUIM VENTURA

Unha pesquisa policial na Idade Media

29.08.2018 
A- A+

O pasado mes de marzo presentouse, en Santiago de Compostela, “Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII-XV)”, publicado co número 44 da colección Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do CSIC. Dita presentación fíxose con todos os honores e o boato que adoita suceder con este tipo de actos e co correspondente “vino español” no remate, segundo informaba a prensa.

Sorprende (ou non tanto, se nos decatamos de como van as cousas en Galicia) que a estas alturas esta institución, herdeira do Seminario de Estudos Galegos (suprimido manu militari en 1936), non teña aínda a súa denominación oficial en lingua galega, a propia do país, malia que a Xunta de Galicia partille a súa titularidade co goberno de España. Ou que o IEGPS non faga referencia aos antecedentes do SEG, cousa que si que fai o CSIC verbo da Junta de Ampliación de Estudios. Así, non resulta estraño que nesta publicación non apareza un so artigo en lingua galega.

O volume en cuestión é dos de peso considerable: 944 páxinas. Delas, 267 están ocupadas polos perfís biográficos de cincuenta e oito mulleres, as máis delas nobres, da Idade Media galega, cuxa autoría é de Eduardo Pardo de Guevara, editor do volume. Malia tal extensión, como crítico investigador en literatura e, ocasionalmente, en historia penso que hai ausencias clamorosas de mulleres galegas con influencia e poder: sen ir máis lonxe, a coñecida María Pérez ‘Balteira’ ou, indirectamente relacionada con ela, Maior Alfonso, muller de Munio Fernández de Rodeiro, e aínda máis, outra Maior Alfonso, homónima e coetánea das anteriores, que foi muller de Rodrigo Gómez de Traba, o principal nobre galego do século XIII.

Outro apartado importante está dedicado a dona Aldonza de Mendoza. Filla dunha bastarda de Henrique II de Castela e irmá de pai do Marqués de Santillana, naceu cara 1367 e morreu en 1435. Tivo vinculación con Galicia polo seu matrimonio (de conveniencia) con Fadrique Enríquez de Castro, nobre castelán de ascendencia galega, nomeado duque de Arjona e pertigueiro de Santiago, polo que era o principal magnate galego do seu tempo. A súa familia tiña importantes posesións en Galicia e por iso dona Aldonza fixo longas estadías nestas terras. Pero para o lector curioso (sen curiosidade non se achega un a unha obra como a que comentamos), pode que o apartado máis atractivo sexa o dos documentos relacionados con dona Aldonza, cuxos editores son Pablo S. Otero e Miguel García-Fernández.

Comeza este apartado co seu testamento, no cal dona Aldonza (que non tiña descendencia) deixou establecidos todos os detalles para o seu enterro no mosteiro xerónimo de San Bartolomé de Lupiana, así como os diversos donativos a prol da súa salvación e dos seus e, entre outros máis, para vestidos para pobres e dúas mil dobras de ouro para redención de cativos cristiáns en terras de mouros e que para tal misión, o testamenteiro designase a quen mellor considerase para facer a viaxe. Tamén vinculado á execución do testamento, temos o inventario das propiedades de dona Aldonza, datado o día da súa morte, dous despois de testar.

Pero o documento que máis pode chamar a atención é a enquisa ordenada en 1443 en Valladolid por Diego Manrique, curmán de dona Aldonza, quen apenas expirara esta, escapara a Cogolludo coas súas riquezas. Tal investigación tiña por obxecto coñecer se don Fadrique Enríquez non atendera debidamente á súa muller dona Aldonza e se lle roubara bens de valor e o importe da dote e das arras. A demanda ía, de feito, contra dona Beatriz Enríquez de Castro, irmá do duque de Arjona e suposta beneficiaria daquilo que este presuntamente roubara á dona Aldonza. Espolio que o curmán desta pretendería recuperar.

O escrito precisa as preguntas a formular polo interrogador, que tivo que viaxar na procura das testemuñas, que responderon “apartadamente e secretamente”. Os máis deles tiveran relación de servicio con don Fadrique e dona Aldonza pero tamén declarou Íñigo López de Mendoza, irmán dela. Case trinta testemuñas a partir de cuxas declaracións o notario tivo que contrastar as reclamacións dos dous litigantes. Un documento que se engade á longa lista de preitos que mantivo a casa de Mendoza contra diversas persoas que emparentaron con ela. Este que tratamos cómpre lelo polo miúdo pero é un bo exemplo de investigación criminal na Idade Media.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS