Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

couso e arca

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Urbano R. Moledo: sindicalista, poeta e dramaturgo

07.11.2009 
A- A+

Fusilado con trinta e catro anos, o 10 de decembro do 36, no castelo do monte do Castro en Vigo. Presidente do Ateneo Deportivo Obreiro de Lavadores (municipio coñecido como a "Pequena Rusia") fora xulgado en Vigo por rebelión militar e por "ter repartido armas aos revolucionarios no local do Ateneo", segundo consta na redacción da sentenza. Como sucedeu con moitos mortos e desaparecidos do tempo da guerra civil, sobre Urbano R. Moledo caeu durante moito tempo unha lousa de silencio que impediu saber da súa peripecia vital e cultural. Afortunadamente, o traballo realizado por Rexina Vega (profesora e escritora que levou ao terreo da novelística esta historia en Cardume, Premio Xerais 2007, e responsable da edición d"A volta da Perdida) rescatou do esquecemento unha biografía intensa, un rechamante labor de compromiso cultural-teatral, unha actividade política e un traballo de creación literaria que amosan a dimensión do que aquel home significou en campos tan diferentes aos que levou a mesma idea de liberdade e de acción. Imbricado desde moi novo na proxección que as Irmandades da Fala fixeran do teatro, como xénero de abeiramento ás camadas máis populares, Urbano Moledo decide participar na empresa cultural escribindo pezas dramáticas, participando nalgún coro e mesmo dirixindo o cadro de declamación Máximo Gorki, actividades non exentas de importantes atrancos e precariedade de medios.

Como poeta Urbano R. Moledo ten unha discreta produción que se plasmou en numerosas colaboracións incluídas en revistas e xornais. No ano 1928 deu ao prelo un fermoso poemario, Dolmen (Vigo, Imprenta La Nueva Prensa, con cuberta de Manuel Torres), no que se albiscan influencias literarias (Rosalía, Cabanillas, Pondal, Amado Carballo?) mais que fan do poemario un testemuño da situación, compromiso agrarista e socialista, actividade obreira? trazos que marcaron a súa curta vida.

Os exemplares consultados amosan correccións manuais (seguramente feitas polo autor) de erros de imprenta e, mesmo nalgún exemplar, con incorporación dalgún novo verso.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS