Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 14.11.2019 Actualizado 14:45
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

ESTRAÑOS, RAROS E ESQUECIDOS

XAVIER CASTRO RODRÍGUEZ

Versos ‘en soledad amena’ de Blanco-Amor

11.05.2007 
A- A+

case 100 páxinas de lirismo. Foi un dos numerosos títulos da fundamental Emecé Editores, empresa bonaerense na que se implicaron moitas personalidades da cultura galega e que forma parte dun universo de coleccións e editoriais que ao abeiro de Luís Seoane, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado… fixeron posible a permanencia cultural (literaria e plástica sobre todo) da Galicia emigrada e exiliada na Arxentina, en colaboración con destacados escritores non galegos que tamén se sumaron a aquel esforzo de difusión do libro en todos os eidos da creación.

‘Horizonte evadido’ (1936) e ‘En soledad amena’ (1942) conforman as achegas poéticas en castelán de Eduardo Blanco-Amor nun segmento temporal de poucos anos. Trátase de dous densos e íntimos poemarios moi estimados pala crítica e os escritores daquel momento. Como afirman Gonzalo Allegue e Víctor F. Freixanes na Fotobiografía (Ed. Xerais) do escritor ourensán: "Durante algún tempo Blanco-Amor foi asesor literario da prestixiosa editorial Emecé, na que tamén colaboraban Luís Seoane, Rafael Dieste e Lourenzo Varela, e onde se recolleron textos de varios autores galegos".

‘En soledad amena’ –título recollido dun verso de Garcilaso de la Vega-, constou dunha tiraxe de mil exemplares ‘en papel pluma’, saíu da ‘Imprenta López’ no mes de abril de 1942 e conta co valor engadido de incorporar ilustracións (catro interiores, ademais da cuberta) dun dos artistas máis expresivos e alegóricos que foi Ramón Pontones, colaborador en moitos outros libros editados naqueles anos. Imaxes, alegorías, metáforas e símbolos visuais acompañan esas figuras humanas que enxergan a soidade, as fantasías, o enxalzamento da vida e as paixóns.

Os poemas que compoñen o libro están divididos en seis partes (‘Los temas’, ‘12 valses románticos’ –con explícitas homenaxes a Chopin, Tschaicowsky (sic) e Strauss-, ‘Tres poemas en forma de anécdota’ e ‘Vieja patria’que inclúe ‘Cuatro danzas folklóricas’ e ‘Cuatro canciones populares’) e dous poemas finais: ‘Profecía de Dalila’ (Dalila Saslavsky, aquela muller rica, de orixe xudía, amiga do escritor quen pasou moitas horas na súa casa e que, segundo Antonio Pérez Prado: "No salón de Dalila e co dereito do seu refinamento, Eduardo falaba de Galicia e do mundo en que vivían os galegos") e ‘Motu perpetuo’, liñas poéticas estas que pechan o libro, dedicadas a Pablo Neruda (outras do poemario son para Luis Cernuda, Eusebio Dávila, Rafael Alberti…), e que rematan coa imaxe do título no verso de peche: "mi triste acorde soledad amena".

Algúns destes poemas están datados en anos anteriores á publicación e en lugares moi significativos como Madrid, Montevideo e Granada. Precisamente esta capital andaluza non soamente aparece de xeito explícito no poema alí datado no ano 1935 (‘Crónica de la Alhambra’) senón tamén no trasfondo lírico, case pranto poético daquel ‘Soneto a Federico’, o poeta granadino lembrado desde a "injuria de esa fosa" e "transitado de sangre y de alegría".

No espazo lírico que Blanco-Amor dedica ás cancións populares, xunto á ‘bulería’, ‘jota ‘ e ‘sardana’ non podía faltar a composición ‘Muiñeira’ de enxalzamento vital, paisaxítico e musical da súa terra: "Preña Galicia en el fol / su esencia de nube y rama. / arco iris de los trinos / el fleco del ronco, alcándara".

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS