Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Opinión

ALFREDO IGLESIAS DIÉGUEZ

na marxe esquerda

Vigo: a loita pola dignidade

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

0.0/5 [0 Voto/s]

1
Comparte en Tuenti

En Vigo está a librarse unha dura batalla, a máis dura: a batalla pola dignidade. Os dous bandos enfrontados son a burguesía e o proletariado, as dúas clases antagónicas propias do sistema capitalista. Os seus actores concretos nesta batalla son: en representación da burguesía, a patronal do metal; en representación do proletariado, os traballadores do metal da provincia de Pontevedra, que loitan por un convenio xusto, un convenio que mellore as súas condicións laborais e os seus salarios, que lles devolva a estabilidade e a dignidade.

Porén, no campo de batalla a patronal non está soa: ten da súa parte os aparatos do Estado, tanto os institucionais -nin o goberno conservador da Xunta nin o goberno socialdemócrata do Reino obrigaron a patronal a aceptar as xustas demandas da clase traballadora, mentres que si condenaron a violencia dos manifestantes na rúa a quen lles din que este non é o momento para esixir melloras salariais- como os represivos -as forzas de elite da policía teñen tomada a cidade de Vigo para restablecer a orde social subvertida polos manifestantes-; tamén ten da súa parte a outros sectores patronais, fundamentalmente os donos dos medios de comunicación, que se encargaron estes días de difundir a doutrina da patronal: moderación salarial para superar a crise, para o que todos temos que arrimar o ombreiro. A patronal, ao cabo, sabe que se consegue someter os traballadores do metal, ten doado o sometemento de toda a clase traballadora galega, menos combativa.

A batalla é moi dura. Sabémolo, pois o que está en xogo é a forma de xestionar a crise: a patronal pretende que quen paga a crise sexan os traballadores, mediante a conxelación salarial e o alongamento das xornadas laborais, malpagadas ou impagadas; lembremos que cando un soldador gaña 1.200 euros é como consecuencia de traballar 11 horas diarias cuns ritmos laborais esgotadores e en moitas ocasións encadeando contratos laborais para manterse en activo. Esa é a realidade do obreiro metalúrxico a quen a patronal quere submiso, para o que non dubida en ameazar con peches e deslocalizacións; de feito, xa ameazaron con marchar a Portugal debido ás perdas xeradas por estes días de conflito. Fronte a esa agresión patronal, os obreiros non piden nada que non sexa de xustiza: suba de 0,5 euros por hora traballada e estabilidade laboral, que se non?

A patronal sabe como gañar a batalla: primeiro, mantendo illados os traballadores do metal nos muros das súas fábricas; segundo, gañando a cidadanía para a súa causa ao mostrarse como vítimas duns obreiros insolidarios -por esixir un aumento laboral nun momento inoportuno, cando é oportuno para a patronal?- e ao presentar os manifestantes como violentos alborotadores da harmonía social que reinaba na cidade. Fronte a esa situación, o pobo vigués -o pobo galego, no seu conxunto-, ten que dicirlle alto e claro á patronal que está cos traballadores do metal, que está do seu lado na defensa da dignidade proletaria fronte á barbarie. Só así sairemos da crise.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS