Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Opinión

retallos dunha época

XOSÉ RAMÓN LÓPEZ BOULLÓN

Violencia de xénero

02.02.2011 
A- A+

Onde vivía antes, o propietario dun negocio moi frecuentado pola veciñanza era coñecido polo seu carácter violento, os seus cambios de humor, discusións, cabreos no coche, pola súa agresiva forma de conducir que alternaba cunha simpatía notable e un trato agradable aos clientes. Gustábanlle as chanzas, contar chistes. E cando atendía ao público a súa amabilidade era exemplar. O servicial, simpático e amable veciño maltrataba a súa muller ou compañeira e foi denunciado por esta. Pasou polo cárcere polas súas agresións e ataques violentos. Separados e cunha orde de afastamento el aínda teimaba nas súas ameazas e tentativas para seguir exercendo o seu criminal dominio sobre ela.Outra muller, unha limpadora que tiñamos no noso edificio, tivo que abandonar o traballo e irse lonxe vivir cun familiar a moitos quilómetros de distancia, por recomendación da policía, para poñer terra por medio e evitar que as ameazas do seu marido puidesen acabar en desgraza.

No piso de arriba, unha parella nova, con moi bo aspecto físico e boa aparencia, educada, rifaba de cando en vez. Oíanse berros e golpes. Portazos. A ela víaselle algunha vez ca outra cun brazo escaiolado ou con algunha mostra de sufrir algunha lesión que logo soubemos que non era producida pola práctica dalgún deporte; senón polas malleiras que el lle propinaba a ela. El adoitaba acudir ás xuntanzas da comunidade de veciños: participaba, mostraba interese. Comunicábase coas demais persoas de forma correcta. Expoñía as súas opinións, escoitaba as dos demais. Sempre saudaba. Un día que non foi a unha xuntanza, souben polos veciños que en varias ocasións tiveran que chamar á policía porque as marimbas eran soberanas.

A violencia contra as mulleres por parte das súas parellas, compañeiros ou maridos está xeneralizada. Convivimos con ela. Dáse en todos os grupos sociais, independentemente do nivel económico ou cultural. Moitas son xa as mulleres e os fillos asasinados polas súas parellas. Demasiados os casos de violencia machista e os detidos por agrediren as súas esposas ou compañeiras.

Un elevado número de mulleres sofre a violencia de xénero. Elas, por medo, non son capaces de denunciar. Outras persoas, malia oíren berros e golpes, fanse os xordos.A maioría das veces non podemos saber onde nin como se producen. Nin sequera oímos berros ou golpes que nos fagan sospeitar, para denuncialos. E aí está a vileza machista día tras día saíndo á luz.

Películas, documentais, axudas sociais procuran amosarlle o camiño á sociedade para que as mulleres denuncien; para que todos denunciemos e para que eduquemos os rapaces nos valores da igualdade e do respecto. Porque unha de cada seis vítimas retira a denuncia. Porque esta infamia cobra vidas.

Antonte unha muller acoitelaba o seu ex novio en Baiona. Esta vez puido defenderse dos golpes e das dentadas que este como un can rabioso lle daba. A violencia machista é a manifestación máis inxusta, infame e vil da desigualdade entre homes e mulleres e hai que erradicala da nosa sociedade..

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS