Xoves 09.09.2010
| Actualizado 10.57
Hemeroteca web
|
RSS
A emigración galega non existe. É unha fantasía dos escritores nostálxicos e dos políticos oportunistas. Se a emigración galega existise de verdade non habería escritor nin xornalista capaz de escribir as cousas que se len e escoitan nos medios de comunicación. Se realmente existise non habería político que tivese a desvergonza de ir vender fume cada vez que petan na porta eleccións ou hai oportunidade de dar un paseo con cargo ós orzamentos públicos. Se realmente existise a emigración, cada vez que un dirixente fala do voto en urna recibiría máis tomatazos ca un cómico malo. As urnas dos emigrantes son como o carro de Manolo Escobar ou o rosario de perlas de Juanito Valderrama, pura invención para abrandar ou endurecer os sentimentos.
No lugar de falar do voto en urna, que é unha pura entelequia, os nosos políticos deberían coller o touro polos cornos e clarexar que a emigración non é o 13% do censo electoral de Galicia. Limpar eses 335.357 nomes inscritos na CERA reducíndoos á verdadeira esencia do emigrante. Deberían pechar ese Consello das Comunidades Galegas, inútil e inoperante, e ter a valentía de deixar de xogar coa retórica do pasado. Porque algún día descubriremos que a emigración só é unha oportunidade de negocio para uns poucos.