Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Política Galicia

BNG

Alba Nogueira non será o rostro da oposición a Quintana

Camilo Nogueira cre que hai "un 100% de posibilidades" de que se configure cos beiristas unha lista conxunta para a Asemblea

EUROPA PRESS . SANTIAGO   | 13.11.2006 
A- A+

Alba Nogueira

O ex eurodeputado e líder da extinta Unidade Galega, Camilo Nogueira, asegurou onte que hai un "100% de posibilidades" dun "acordo de principios" entre a Alternativa -unha corrente na que están os seus partidarios e os de Esquerda Nacionalista (EN)- e o Encontro Irmandiño, que lidera Xosé Manuel Beiras, para presentar unha lista conxunta á Asemblea Nacional do BNG de decembro.

En declaracións á Radio Galega Nogueira dixo confiar en que a finais desta semana se ratifique este acordo que establece os criterios nos que ambas as correntes concorrerán nesa lista conxunta, "pero no que aínda non figuran nomes".

Nogueira descartou os rumores que situaban a Alba Nogueira, a súa filla, como a elixida pola Alternativa para disputarlle a Anxo Quintana a Portavocía nacional. "Ese nome que apareceu na prensa non é unha noticia", recalcou.

Tampouco quixo confirmar que Xosé Manuel Beiras vaia ser o cabeza da lista conxunta para ocupar o cargo de presidente do Consello. "Entenderá que, por motivos de respecto, non informe sobre iso", subliñou. É probable que na vinceira Asemblea do BNG se decida fusionar os cargos de presidente do Consello e Portavoz Nacional, pero Nogueira recalcou a necesidade de que as listas que se presenten teñan un candidato para cada posto, xa que "se alguén presenta unha candidatura sen un nome para a Presidencia do Consello sería unha arrogancia contraria á soberanía da propia asemblea".Precisamente, e tal e como aseguraron fontes de ambas as correntes, é este posto -no que A Alternativa quere situar a Beiras- así como as porcentaxes que as dúas plataformas terán nesa lista, os "principais inconvenientes" para que aínda non se chegase a un acordo definitivo, principalmente, por parte do Encontro Irmandiño.

 

Nogueira non quere ser o portavoz nacional

Neste sentido, descartou que el aspire a ocupar, nesa futura lista, o cargo de portavoz nacional. "Non aspiro a este posto, aínda que podería selo e máis que moitos outros no BNG", dixo recordar que el competiu con Quintana na Asemblea Nacional pasada para ser candidato á Presidencia da Xunta.

Nogueira tamén criticou que a Vicepresidencia de Anxo Quintana funcione como unha consellería, en lugar de ter ascendencia sobre a totalidade da Xunta, polo que chama a reconsiderar o papel de goberno "Está ben que gobernemos, pero non como forza subordinada", concluíu.

Tamén denunciou que hai "unha gran deriva" dos principios nacionalistas porque "se camiña cara a un rexionalismo". "Eu non quero un partido como o de Baltar".

EPIGRAFE

Os "camilistas" e EN queren unha porcentaxe de 40%-60% para eles

A repartición de poder entre ambas as dúas correntes tamén esta a causar desacordos, pois a Alternativa propuxo unha candidatura paritaria con dous candidatos seus por cada un dos Irmandiños. Como a solución non lles gustou a estes últimos, a Alternativa presentou unha oferta "final": que os beiristas teñan o 40% dos postos e eles o 60%. No entanto, resérvanse unha "proporción diferente" para os primeiros 21 postos da lista, mediante a cal, eles terán 13 persoas e o Encontro Irmandiño, oito. Esta oferta rebaixa a realizada o luns pasado, cando mantiñan unha cifra de 14-7. Os Irmandiños critican que a Alternativa reclame poder como dúas correntes, cos "camilistas", por un lado, e Esquerda Nacionalista polo outro.

Non coinciden no mellor cabeza de lista: ¿Beiras ou unha muller?

A Alternativa e os Irmandiños teñen unha discusión sobre quen ocupará o primeiro posto da lista conxunta. Mentres que A Alternativa aposta porque sexa unha muller a que ocupe este cargo -que implica asumir a Portavocía Nacional do BNG-, o Encontro Irmandiño avoga por que sexa un home, preferiblemente, o ex portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras. No entanto, a proposta realizada pola Alternativa reserva para Beiras o primeiro posto, pero como candidato a cubrir a Presidencia do Consello nacional, un posto que xa tivo e que abandonou por problemas coa dirección. Co número dous, e candidata a portavoz nacional para competir con Anxo Quintana, sitúan a unha muller, que xa non sería Alba Nogueira.

A CERNA

Sen noticias da UPG e Quintana

Polo de agora, nada se sabe do outro pacto que podería xurdir de cara a XII Asemblea, o dos partidarios de Anxo Quintana coa UPG. Desencontros sobre a actuacion de Quintana dende a entrada do Bloque na Xunta non gustaron nada dentro da "U" e romperon o acordo que mantiñan dende a última Asemblea. O actual portavoz nacional podería verse obrigado a conciliarse de novo coa UPG para ter posibilidades de gañar.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS