Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Xoves 17.05.2012  | Actualizado 02.02

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Política Galicia

NOVA FORZA

Galicia apúntase a dar o salto verde á política

18.08.2010  A conciencia ambiental do país quere levar a mensaxe ecoloxista ás urnas, seguindo os pasos do movemento estatal liderado por López de Uralde

5.0/5 [6 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

R. FERNÁNDEZ . SANTIAGO

O Partido Verde Europeo, formado por 32 formacións ecoloxistas, conta con 48 eurodeputados FOTO: AXENCIAS
O Partido Verde Europeo, formado por 32 formacións ecoloxistas, conta con 48 eurodeputados
FOTO: AXENCIAS

A conciencia verde dá o salto á política. Cos cidadáns máis sensibilizados que nunca cos temas relacionados co medio e a contorna, os grupos ecoloxistas do Estado preparan o que será o seu maior proxecto político en décadas. Galicia participa activamente neste debate coa intención de crear un movemento serio e duradeiro en defensa do medio natural. Trátase do Partido Verde galego, futura formación política que xa conta co apoio dos verdes europeos e que nace cun obxectivo claro: crear un espazo na política galega dende o que afrontar a problemática ambiental. "Queremos artellar o movemento ecoloxista dándolle unha base política para tentar conseguir resultados reais. Ata agora, a preocupación ambiental dos líderes políticos sempre quedou en meras declaracións. Nós non lle pedimos que fagan milagres pero si algo de coherencia", explica José Balado, membro da Coordinadora Verde en Galicia. A pesar de que o medio está cada vez máis presente na política, Balado apunta que que estes temas limítanse a formar parte dos programas das formacións, que á hora de desenvolver as súas políticas priman os intereses económicos e partidistas por riba da conservación da natureza. De aí, a necesidade de crear un movemento que se tome en serio os problemas ambientais.

Aínda que pareza contraditorio, a formación de listas electorais e a consecución de representación política non é prioritaria. O Partido Verde galego pretende crear unha base sólida e unha estrutura seria que, a medio ou longo prazo, sirva de soporte para lograr votos. "O noso obxectivo primordial é recoller os intereses ambientais da sociedade, darlle cobertura e conseguir avances nese eido", indica Balado. o partido nacerá baixo o amparo do europeo, constituído por 32 formacións ecoloxistas e que na actualidade conta con 48 eurodeputados. A propia coportavoz dos Verdes Europeos, Mónica Frassoni, acudiu o 24 de xullo a Santiago para darlle o seu apoio ós membros fundadores da agrupación galega e poñelos en contacto coas existentes no Estado co obxectivo de superar a histórica división que reinou no ámbito ecolóxico dende o punto de vista político. O proxecto da comunidade galega irá, así, da man do movemento estatal liderado por Juantxo López de Uralde -presidente de Greenpeace na última década- e Alejandro Sánchez -líder de SEO/Birdlife durante dezanove anos-. Con dúas cabezas visibles como eles á fronte da futura formación, para moitos é o momento de que o ecoloxismo triunfe no seu salto á política.

Esta decisión non é unha casualidade. A preocupación da cidadanía polas cuestións ambientais alcanza cotas nunca vistas, situándose ó mesmo nivel que Europa, que nos leva anos de vantaxe. De feito, o último Eurobarómetro apunta que o 5% dos españois sitúa a deterioración ambiental entre os dous problemas que máis lle afectan, porcentaxe que sitúa ó Estado na media dos Vinte e sete. ¿Traducirase esa concienciación ambiental en votos? Balado non é ten moi claro: "A experiencia demostra que non. En Galicia contamos con movementos ecoloxistas moi fortes que lograron mobilizar a moita xente, a escala nacional como Nunca Máis, ou local, como a oposición a Reganosa. Pero esa conciencia logo non se trasladou ás urnas". Aí é onde o Partido Verde galego entra en xogo: "Queremos contribuír ó cambio social e ecolóxico que o país precisa".

O DATO

O reto: conseguir unha formación á marxe dos partidos existentes

O reto galego é lograr un proxecto sólido e atractivo que, ademais de traballar a prol do medio atraia votos, algo que nunca se conseguiu ata o de agora. Para Balado, conseguir este obxectivo pasa por lograr un partido unido, de aí a necesidade de poñerse en contacto con toda a xente que traballa no ámbito do ecoloxismo na comunidade. "Temos que lograr un proxecto sólido para evitar o que ocorreu con movementos anteriores: que a xente non se desanime", apunta.

O espello no que mirarse é, dende logo, o Partido Verde europeo, que dende hai anos introduce os temas ambientais na axenda política grazas ó seu papel de partido bisagra entre as dúas grandes formacións que mandan na UE. O referente máis próximo atopámolo en Cataluña: Iniciativa Per Catalunya Verds (ICV) logrou sentar a Joan Herrera no Congreso, e ademais ten presenza no Executivo catalán e en Bruxelas. A súa importancia é vital, ó contribuír a visibilizar o traballo político a favor da ecoloxía. En distintas comunidades, os verdes están presentes aliados con outras formacións políticas de esquerdas como Izquierda Unida (IU) ou mesmo o PSOE, como pasa en Asturias. Non obstante, o reto do Partido Verde é lograr conformar un grupo á marxe dos partidos existentes. "O principal problema das alianzas é que ó final non sabes a quen lle votas", explica Balado. Este obxectivo supón unha dificultade engadida como é o de levantar un partido dende a nada e calar na cidadanía. Un reto difícil pero non imposible, como demostra Rosa Díez e UPyD.

AS FRASES DE JOSÉ BALADO

"O noso obxectivo é artellar o movemento ecoloxista dándolle unha base política para lograr resultados. Ata agora, a preocupación ambiental dos políticos queda en meras declaracións"

"En Galicia contamos con movementos ecoloxistas moi fortes que lograron mobilizar a moita xente como Nunca Máis ou a oposición a Reganosa. Pero esa conciencia non se trasladou ás urnas"

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS